Cisne e Teucro, dúas maneiras opostas de afrontar o parón do Nadal

Pontevedra
16 de decembro 2019

Mentres o Cisne, líder da División de Honra Prata, continuará traballando e disputará algún encontro de preparación como o tradicional Memorial Manuel Luaces, o Teucro, nunha situación delicada na clasificación, descansará ata o día 2 de xaneiro

Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal
Partido de liga entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal / Diego Torrado

O turrón comerase de dúas formas totalmente diferentes no que respecta a os equipos pontevedreses da División de Honra Prata.

Non só a clasificación separa aos dous equipos da cidade. Nese aspecto o Cisne está completando a mellor tempada da súa historia, líder destacado con 22 puntos despois de sumar 11 triunfos e unha soa derrota, e aínda cun partido menos que moitos dos seus rivais. Sen embargo o Teucro segue marcado pola irregularidade e os seus últimos resultados  (1 vitoria e 1 empate nos 7 últimos partidos) colocáronlle nun lugar máis comprometido, ao ser noveno con 13 puntos e só 2 por encima do posto de promoción de permanencia. 

Tras a xornada da fin de semana a competición ligueira para ata o 11 de xaneiro, tempo para a reflexión e para pensar no segundo tramo do curso, pero esa reflexión será diferente en cada beira do río Lérez.

Desde o Pavillón Municipal dos Deportes o Teucro, coa maioría dos seus xogadores chegados desde fóra de Galicia, decidiu dar descanso ata o día 2 de xaneiro, data na que Luís Montes citou de novo aos seus para empezar a preparar o duelo do día 11 en Ciudad Real, ante o Alarcos.

No bando contrario, no CGTD, Jabato aproveitará a orixe pontevedresa e galego de gran parte do seu plantel para seguir traballando, empezando esta semana por unhas sesións de adestramento con especial carga física. Ademais está previsto que disputen o tradicional Memorial Manuel Luaces como partido de preparación.

Unha situación que servirá ao Cisne para manter o ton ante o esixente inicio de ano que lle espera, xa que na primeira semana de competición recuperará a xornada suspendida no seu momento e afrontará tres partidos: o día 11 contra o Alcobendas a domicilio, o mércores 15 de xaneiro contra o Torrelavega na casa e o 18 de xaneiro de novo a domicilio na cancha do Bordils.