O gol conseguido ante o Arosa foi especial para Charles Dias de Oliveira. Primeiro por dar tres importantes puntos aos granates, pero tamén para consolidarse como pichichi do Grupo I da Segunda RFEF e, sobre todo, por subir un chanzo máis no ranking histórico da entidade que demostrou levar no corazón.
Co tanto o dianteiro brasileiro colocouse no segundo lugar da clasificación de máximos goleadores históricos do Pontevedra, empatando cun mito como Neme, único futbolista que xunto con Martín Esperanza chegou a ser convocado pola Selección Española Absoluta mentres defendía a granate.
Entre Liga e Copa, nas súas dúas etapas na Boa Vila, Charles suma 72 goles en 230 partidos, os mesmos que logrou Neme desde a campaña 64-65 á 72-73 no seu caso en 232 encontros, coincidindo coa mellor época do club a cabalo entre a Primeira e Segunda División.
Por detrás queda xa un nome como o de Javi Rodríguez (71 tantos) e por diante só aparece outro, o do canteirán Pablo Couto, que conseguiu anotar co club da súa cidade 83 goles en 304 partidos.
A 11 goles por tanto está xa Charles de inscribir o seu nome con letras de ouro e brillantes na historia do Pontevedra, unha cifra que non parece para nada imposible a teor do gran rendemento e estado de forma que está a mostrar esta campaña, na que xa suma 10 tantos cando non se chegou nin ao ecuador da competición.