O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este sábado 30 de decembro, a partir das once da mañá, a presentación do libro "Campioa", unha biografía que percorre a vida persoal e deportiva da futbolista pontevedresa Teresa Abelleira, flamante campioa do mundo de fútbol.
A deportista manterá unha conversa coa xornalista Nieves Amil, na que percorrerá distintos fitos da súa vida. O acto estará introducido polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.
O libro "Campioa" foi encargado polo Concello de Pontevedra á Lela Edicións, que ten unha colección de publicacións infantís de biografías de persoeiras galegas.
A Concellaría de Deportes, que xestiona Anabel Gulías, considerou oportuno incluír a figura de Teresa Abilleira nesta colección, por iso realizou o encargo.
A publicación, adaptada para o público infantil, foi ilustrada por Tania Solla e creada por Polo Correo do Vento.
Todas as persoas que se acheguen ao Teatro Principal este sábado recibirán a publicación. Este acto é aberto e gratuíto ata completar o recinto.