As máximas autoridades deportivas apoian a Pontevedra na presentación do ITU Multisport Festival 2019

Pontevedra
18 de xaneiro 2018

O evento foi presentado na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid coa presenza do presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete, ou a secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Míguez, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva

Presentación do ITU Multisport Festival en FITUR
Presentación do ITU Multisport Festival en FITUR / Concello de Pontevedra

A Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se está a celebrar en Madrid foi escenario este xoves da presentación oficial do gran evento deportivo que acollerá Pontevedra en 2019, o ITU Multisport Festival de tríatlon, que supoñerá a celebración de ata cinco campionatos do Mundo na cidade.

Na caseta de Galicia en FITUR arrouparon á Boa Vila as máximas autoridades do deporte rexional e nacional. Así xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, atopábanse o presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete, a secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Míguez, a presidenta da Federación Internacional de Tríatlon (ITU), Marisol Casado, ou da Federación Española, Francisco Hidalgo, ademais da directora da Axencia Galega de Turismo, Nava Castro.

Do 27 de abril ao 5 de maio de 2019 Pontevedra converterase grazas ao ITU Multisport Festival no centro do tríatlon mundial nun evento que "estenderá o deporte máis aló da propia competición para convertelo nunha auténtica festa", sinalou Francisco Hidalgo.

O alcalde pola súa banda explicou na súa intervención que este tipo de probas deportivas, moi ligadas á ocupación das rúas, son idóneas para a cidade e para a súa idea de "recuperar o espazo público para que a xente disfrute".

A Lores dirixiuse tamén a presidenta provincial para augurar que o Multispor Festival "vai petala", convencida de que "eventos como este converten a vila nun auténtico exitazo", mentres que o presidente do Consello Superior de Deportes, José Ramón Lete, eloxiou o espírito da cidade do Lérez como reflexo dun mundo do deporte que "non se limita ao fútbol, senón que abarca un gran número de actividades das que Pontevedra e a súa enorme vida deportiva son un exemplo".

Durante os nove días de competición, celebraranse na Boa Vila os campionatos do mundo de tríatlon cros, tríatlon de longa distancia, dúatlon, aquatlón e  aquabike.

Ao final da presentación pasouse tamén pola caseta de Galicia a presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, para saudar á delegación da súa cidade e desexar "éxitos no evento".

No acto exhibiuse por primeira vez o vídeo promocional elaborado para o ITU Multisport Festival 2019.