O Arosa mantén o seu posto na Asemblea da RFEF

O Salnés
26 de novembro 2024
Actualizado: 13:04

Este luns 25 de novembro celebráronse as eleccións á Asemblea da Real Federación Española de Fútbol, e o club arlequinado foi elixido como un dos dous representantes galegos de categoría non profesional

Manuel Abalo (centro) no palco da Lomba durante un partido do Arosa

A Asemblea da Real Federación Española de Fútbol (RFEF) quedou configurada tras as eleccións celebradas este luns 25 de novembro.

Delas saíron os membros que terán agora que elixir ao presidente federativo o próximo 16 de decembro, entre os que se atopa o Arosa SC.

A entidade arlequinada é xunto ao Bergantiños un dos clubs galegos non profesionais escollidos para formar parte da Asemblea.

No caso do Arosa, xa accedera en 2020 ao organismo reitor do fútbol nacional.

O fútbol galego contará cun total de nove representantes, ademais do presidente da Federación Galega, Rafael Louzán.

Así, xunto a Arosa e Bergantiños, sentarán na Asamble da RFEF o RC Celta e RC Deportivo como clubs profesionais de 1ª e 2ª División, o Burela FS como club de fútbol sala, Pablo Carabán (Estradense) como futbolista non profesional, Irene Samper (Burela FS) como xogadora de fútbol sala, Eugenia Gil Soriano como árbitra profesional e Daniel Dacal Deza como árbitro de fútbol sala.

No caso de Galicia, as mesas de votación dos asembleístas habilitouse na sede da Real Federación Galega de Fútbol en Santiago nunha xornada que se desenvolveu entre as 10.00 e as 17.00 horas.

"Transcorreu con total normalidade, destacando a alta participación nos seis meses habilitadas", sinala a Federación Galega.