Álex Andión rompe barreiras para o waterpolo galego como campión da Supercopa co Sabadell

Pontevedra
14 de outubro 2020

O deportista pontevedrés, canteirán do Waterpolo Pontevedra, converteuse no primeiro galego en levantar un título absoluto no waterpolo nacional, ao conseguir co Sabadell a Supercopa de España

Álex Andión, xogador pontevedrés de waterpolo que milita no CN Sabadell Federación Galega de Natación

Apenas leva un ano en Cataluña e Álex Andión xa derrubou unha barreira para o waterpolo pontevedrés e galego, a de levantar un título nacional.

Aínda que a súa presenza fose testemuñal, o canteirán do Waterpolo Pontevedra conseguiuno co equipo absoluto do CN Sabadell que venceu na Supercopa de España disputada a fin de semana ao superar ao Atlético Barceloneta e ao CN Barcelona. 

A pesar de ser aínda xuvenil de último ano, Álex adéstrase a diario nun dos clubs de maior potencial e tradición de Europa, rodeado de grandes campións. "Hai un campión olímpico, subcampións de Europa, do Mundo... a verdade é que poder adestrar con xente dese nivel é un soño", recoñece.

Polo momento o seu labor céntrase no equipo xuvenil e en completar algunha que outra convocatoria co bloque absoluto, co que se exercita, e é que "este ano dei un gran paso ao poder compartir vestiario co primeiro equipo, con grandes xogadores, e tiven a sorte de poder recibir esta medalla", sinala sobre os seus últimos avances.

Aínda así, e cos pés no chan, sabe que queda moito camiño por percorrer, polo que o seu obxectivo non é outro que "ir día a día, adestrando, dándoo todo e poder facerme un oco no equipo".

O cambio foi importante, xa que "hai unha gran diferenza do waterpolo galego ao waterpolo de alto nivel que hai aquí en Cataluña. Fisicamente é moito máis duro do que é o waterpolo galego, pero despois o táctico tamén", explica. É por iso que "tanto tecnicamente como fisicamente tiven un cambio moi grande".

Todo iso nun ano tan complicado como o actual pola pandemia de Covid-19, un virus que xa lle afectou de maneira indirecta: "Xa me tocou dúas veces confinarme, e ao final o que che queda é adestrar na casa mentres non poidas ir á piscina e ao ximnasio e cando volvas meter cana para tentar coller o ritmo átelo posible".

Pequenas pedras no camiño no medio dun soño, o de poder seguir crecendo como xogador de waterpolo para consolidarse na elite e que "recoñezan que en Galicia tamén pode haber bos xogadores". Queda moito, pero está xa un paso máis preto de conseguilo.