A primeira volta do Bádminton Ravachol en División de Honra, con entrada de balde

Pontevedra
17 de setembro 2020

O club pontevedrés decidiu non fixar prezo de entrada durante os seus primeiros encontros na máxima categoría, o que inclúe a visita a Pontevedra do CB  Pituis da campioa olímpica Carolina Marín

Manuel Brea nun partido co Club Bádminton Ravachol Pontevedra
Manuel Brea nun partido co Club Bádminton Ravachol Pontevedra /

O vindeiro sábado 19 de setembro o Club Bádminton Ravachol Pontevedra afrontará a súa segunda xornada na División de Honra, que supoñerá a súa estrea como local na máxima categoría nacional.

O conxunto pontevedrés, que se viu lastrado polas baixas no seu primeiro choque en Valencia, recibirá no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (17.30 horas) a un dos candidatos ao título, o Bádminton Oviedo.

Toda unha oportunidade de presenciar un evento do máximo nivel deportivo. Así o entende o Ravachol, que co obxectivo de promocionar o seu deporte na cidade decidiu que durante a primeira volta da competición non cobrará entrada por ver os seus partidos.

Esta medida inclúe a visita do CB Pitius a Pontevedra, é dicir, o equipo da campioa olímpica Carolina Marín.

Con todo nesta primeira xornada a actual situación sanitaria que vive a cidade obrigará a que o aforo do CGTD sexa reducido, tendo preferencia de entrada os deportistas do club e familiares vinculados á entidade.