A Primeira División de fútbol sala feminino reestrutúrase en dous grupos ante a incidencia da covid-19

Poio
09 de outubro 2020

A Real Federación Española reformulou a categoría, que segue tendo o seu inicio previsto para o próximo 17 de outubro, coa intención de deixar datas libres ao longo do ano para recuperar os posibles partidos aprazados por mor da situación sanitaria

Partido amigable entre Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca
Partido amigable entre Poio Pescamar e Viaxes Amarelle na Seca / Cristina Saiz

A incidencia da COVID, que en competicións xa iniciadas está a empezar a provocar suspensións de encontros, obrigou a reformular a tempada na Primeira División de fútbol sala feminino na que compite o Poio Pescamar.

A Real Federación Española de Fútbol decidiu finalmente dividir a categoría en dous grupos, mantendo a mesma data de inicio da liga, o próximo 17 de outubro.

Esta decisión tómase para deixar marxe aos posibles partidos aprazados ao longo da tempada, un aspecto que tiña difícil encaixe na configuración inicial cunha liga regular de 18 equipos que tiña previsto alongarse ata mediados do mes de xuño.

A división realizouse en 'cremalleira', isto é, en función da clasificación da pasada tempada para tentar que a repartición sexa o máis equitativa posible. Por tanto equipos da mesma comunidade quedan separados.

En canto ao Poio Pescamar, quedou encadrado no Grupo A xunto a Leganés, Penya Esplugues, Cidade das Burgas, Ourense Envialia, Viaxes Amarelle, Roldán, Atlético Navalcarnero e Gran Canaria, mentres que no grupo B competirán Universidad de Alicante, Rayo Majadahonda, Móstoles, Xaloc Alacant, Intersala Zaragoza, Melilla, Alcorcón e Burela.

Ao final da primeira fase de competición, os catro primeiros clasificados de cada grupo pelexarán nunha segunda fase por chegar ao play-off polo título, mentres que o resto farano por non descender arrastrándose os puntos logrados ata entón. Nesa segunda fase xogarase só ante os equipos procedentes do outro grupo, clasificándose os catro mellores para as semifinais de liga. Estabécense ademais catro descensos directos a Segunda División e dúas prazas de promoción pola permanencia.

Estes cambios trouxeron xa consigo o sorteo dun novo calendario, que fixou que a estrea do Poio producirase finalmente na pista do Leganés, o 17 de outubro, sendo o seu primeiro partido na casa unha semana despois fronte ao Roldán. Ademais, ao ser grupos impares, as vermellas teñen previsto descanso nas xornadas 7 (28 de novembro) e 16 (27 de febreiro), mentres que o seu último encontro desta primeira fase afrontarano na cancha da Penya Esplugues (13 de marzo).

Consulta aquí o calendario de competición do Subgrupo A de a Primeira División de fútbol sala feminino.

FASE FINAL DA COPA DA RAÍÑA

Neste novo calendario da tempada para o fútbol sala feminino establécese tamén a data de celebración da final a catro da Copa da Raíña 19/20, para a que o Poio Pescamar está clasificado. Segundo estableceu a Federación, a pelexa polo título de Copa terá lugar a fin de semana de 19 e 20 de decembro.

APRAZADA A SEMIFINAL DA COPA XUNTA

A COVID tamén provocou a suspensión do partido de volta de semifinais da Copa Xunta que o Poio Pescamar tiña previsto xogar este sábado 10 de outubro en Ourense, sendo ademais o seu último encontro planificado antes do inicio da liga. O motivo do aprazamento é o positivo en coronavirus da nai dunha das xogadoras do equipo ourensán.