A enfermería de Pasarón baléirase

Pontevedra
17 de xaneiro 2022

Oier Calvillo deixou atrás a microrrotura que o mantivo apartado dos terreos de xogo durante mes e medio e Rufo conta xa coa alta médica, aínda que a súa volta ás aliñacións aínda terá que esperar

Partido de Segunda RFEF entre o Pontevedra CF e o Llanera en Pasarón
Partido de Segunda RFEF entre o Pontevedra CF e o Llanera en Pasarón / Cristina Saiz

O Pontevedra pechou o ano 2021 con dúas sensibles baixas por lesión. Rufo e Oier Calvillo perderon os últimos partidos por senllas doenzas no nocello e na zona do xeonllo, respectivamente, que acenderon as alarmas de Pasarón pola incerteza na data de regreso aos terreos de xogo. Unhas dúbidas que se disiparon coa entrada do novo, posto que o ariete madrileño xa conta coa alta médica e o extremo navarro participou xa no amigable da pasada fin de semana.

Aínda que xa traballa co grupo, a volta de Rufo ás aliñacións de Ángel Rodríguez non ten aínda data e o propio técnico prefire evitar as présas e xa comentou publicamente que o dianteiro non estará en óptimas condicións ata o tramo final da segunda volta. Aínda que nun primeiro momento, os médicos esperaban que a recuperación da escordadura de nocello que sufriu en Segovia non fose superior aos dous meses, unha afectación ósea dilatou o proceso curación moito máis do previsto.

Agora, co edema absorbido e o nocello san, Rufo encara a segunda fase da súa posta a punto sen marcarse tampouco datas concretas. Non estivo convocado para o amigable disputado o pasado venres contra o Celta B e a súa presenza na convocatoria para o partido do próximo domingo contra o Compostela dependerá das súas sensacións e dos tempos que marque co propio adestrador para minimizar o risco de posibles recaídas.

O que si que tivo minutos no último partido foi Oier Calvillo despois de pasar o último mes e medio no dique seco. O navarro sufriu unha microrrotura no último adestramento previo ao desprazamento a Langreo. Tras o parón do Nadal, non puido incorporarse aos adestramentos por unhas cuestións de saúde que xa quedaron resoltas para permitir, por fin, a Calvillo volver gozar sobre o céspede.

Deste xeito, o técnico granate ten a todo o seu plantel á súa disposición para preparar esta semana o importante duelo que enfrontará ao Pontevedra co Compostela este domingo, ás 17 horas, no estadio Vero Boquete de San Lázaro.