A Deputación convida os clubs da provincia á súa propia homenaxe a Tere Abelleira

Pontevedra
22 de agosto 2023

O acto de homenaxe á futbolista pontevedresa, flamante campioa do Mundo, está previsto que se celebre o vindeiro xoves 24 de agosto na Cidade Infantil de Príncipe Felipe

Tere Abelleira coa súa familia na final do Mundial
Tere Abelleira coa súa familia na final do Mundial / Milo Abelleira

A Cidade Infantil de Príncipe Felipe de Pontevedra será escenario este xoves 24 de agosto dunha homenaxe a Teresa Abelleira organizado pola Deputación de Pontevedra.

Trátase dun acto de apoio á futbolista, flamante campioa do Mundo, que está previsto celebrar a partir das 11.00 horas da mañá, e que se une á recepción oficial que pretende realizar o Concello de Pontevedra aberta a toda a cidadanía.

No caso da Deputación, cursouse invitación a todos os clubs femininos da provincia, co obxectivo de que as xóvenes promesas do fútbol feminino pontevedrés poidan sumarse á homenaxe e mostrar así o seu apoio e admiración cara a unha xogadora que aos seus 23 anos é xa todo un referente para todas elas.

Segundo a invitación cursada aos clubs todas as nenas que desexen participar deben antes de comunicar a súa intención de acudir. Pídeselles ademais que o fagan coa roupa identificativa de cada un dos seus equipos.