Xosé Velo, o 'libertador', rexurde do esquecemento a través dun libro e un audiovisual

Pontevedra
24 de abril 2022

A Deputación de Pontevedra culmina o proceso de recuperación da figura de Xosé Velo, o "libertador", unha figura histórica e singular que loitou contra o fascismo en España e Portugal. O Pazo Provincial acolleu a presentación ao público de Xosé Velo. Textos escollidos

Presentación ao público de 'Xosé Velo. Textos escollidos'
Presentación ao público de 'Xosé Velo. Textos escollidos' / Deputación de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra culmina o proceso de recuperación da figura de Xosé Velo, o "libertador", unha figura histórica e singular que loitou contra o fascismo en España e Portugal.

Coincidindo coa conmemoración do Día do libro, este sábado o Pazo Provincial acolleu a presentación ao público de Xosé Velo. Textos escollidos, un volume que culmina o proceso de recuperación da súa figura  que a Deputación iniciou antes da pandemia con xestións para que o arquivo do seu espolio  pasase a formar parte dos fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico. 

A deputada de Memoria Histórica, María Ortega, explicou que dese arquivo xurde a escolma de textos seleccionados polo investigador Aser Álvarez, e que obxectivo da Deputación  é "abonar o campo de memoria". 

Así, manifestou o seu desexo de que agora que o "enorme legado político" de Xosé Velo está a disposición de calquera persoa a través desta publicación e da web Atopo, cheguen novas investigacións que permitan seguir afondando na súa vida e na súa obra. 

Tamén sinalou que para o departamento de Memoria Histórica é fundamental traballar na divulgación da historia das vítimas do fascismo desde un sentido amplo, coñecendo sobre todo a súa loita "para rescatar aquela sociedade que querían construír e que aínda, case un século despois do golpe, non fomos quen de acadar. O pasado por vir".

A deputada nacionalista destacou a forza que levou a Velo a liderar o secuestro do buque Santa María para berrar aos catro ventos "o obvio": que unha comunidade internacional que se gababa de demócrata non podía consentir a permanencia na Península Ibérica de dúas ditaduras: a de Franco e a de Salazar. 

"Era 1961. Xa pasara década e media desde que a fin da Segunda Guerra Mundial desembocara na grande derrota do exilio republicano: ninguén nos ía liberar da bota de Franco. Mais tanto lle deu. El seguiu loitando ata a fin. Ata o último alento. Para nós a vida de Velo é exemplo e espello", dixo.

Ademais de presentarse o libro, este sábado tamén tivo lugar na sede da Deputación a estrea do documental biográfico O libertador ibéricoO investigador Aser Álvarez foi o coordinador da publicación e director do audiovisual biográfico.

Aser Álvarez destacou a "grande importancia histórica" desta presentación, posto que supón a "exhumación e a fixación" de textos inéditos de Pepe Velo dos que "só quedaban os restos do naufraxio".

O autor resaltou que o volume editado pola Deputación "aspira modestamente a remediar a situación anterior dando a coñecer unha ampla mostra dos escritos de Velo" e que o documental pretende dar conta dunha personaxe cunha linguaxe audiovisual atractiva e un marcado carácter divulgativo.