Xoel López e De Vacas, atractivo musical para o FICBUEU

Bueu
29 de xuño 2018

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que se desenvolverá do 7 ao 15 de setembro, conta en cada edición con máis presenza de actuacións musicais en directo

De Vacas
De Vacas / FICBUEU

Xoel López, De Vacas e Paco Nogueiras ofrecerán concertos na edición deste ano do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU), que se desenvolverá do 7 ao 15 de setembro, nunha programación que cada ano conta con máis presenza de música en vivo.

Estas actuacións musicais de tres representantes destacados no terreo musical de Galicia ofreceranse nun formato íntimo, destinado ao espazo do auditorio do Centro Social do Mar que se limita a ao redor de 200 espectadores

Xoel López actuará o venres 7 de setembro, a partir das 22.30 horas. O músico coruñés presentará o seu disco 'Sueños y pan', no que busca un equilibrio entre liberdade e estabilidade. As entradas xa se poden adquirir a través da páxina do  FICBUEU a un prezo de 20 euros.

De Vacas actuará ao día seguinte, o sábado 8 de setembro, a partir das 13.00 horas. O seu concerto será no exterior do Centro Social  do Mar. O cuarteto ofrecerá as súas clásicas versións en lingua galega de 'Despacito', de Fonsi, e de temas das Spice  Girls, de Enrique Iglesias ou de Gagnam Style, entre outras sorpresas.

A música infantil tamén contará co seu espazo, grazas ao espectáculo Radio BuleBule, da man de Paco Nogueiras. Será o 15 de setembro ás 12.30 horas coa proposta de vivir a radio en directo a través dun divertido programa cheo de música, baile e humor.