O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este mércores toda unha exhibición do talento artístico do proxecto de docencia e creación de equipos creativos inclusivos Voces Ocultas.
Este proxecto, impulsado pola Concellería de Benestar Social de Pontevedra e Estudo Bonobo, contou coa colaboración das asociacións Amencer, Amizade, Down Xuntos e Juan XXIII.
Foi un ano de duro traballo dun equipo diverso, inclusivo e integrado que acabou condensado nunha peza audiovisual titulada Aruna e que tivo como colofón este festival.
O coordinador da iniciativa, Gonzalo Maceira, explicou que o festival revelou "un proxecto de arte audiovisual pouco convencional", que el define coma "unha viaxe psicodélica por unha historia creada en animación analóxica, onde música e imaxe van da man, xerando atmosferas e paisaxes futuristas dentro dunha aventura cargada de emoción e de mensaxes de esperanza".
Un periplo artístico que foi realidade grazas ao esforzo do colectivo de profesionais de Estudo Bonobo, coa axuda e dedicación de Sergio González, Alberto Castaño, Xulia Pisón e os usuarios de Amencer, Amizade, Juan XXIII e Xuntos.
Nesta última etapa preséntase o traballo efectuado en forma dunha curtametraxe na que se conta a historia dunha moza chea de medos, dúbidas e frustracións, que sae a un mundo destruído e perdido onde terá que chegar a perder os seus sentidos para darse conta do gran talento e capacidade que en realidade leva dentro, mentres a sociedade non para de poñerlle trabas e obstáculos.