A Praza da Ferrería acollerá este mes de abril unha exposición de homenaxe á escritora pontevedresa Fina Casalderrey.
A mostra, organizada polo Concello de Pontevedra e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), pretende recoñecer a súa traxectoria e de paso celebrar a súa candidatura a dous dos premios máis prestixiosos da literatura mundial, o premio Memorial Astrid Lindgren 2024 e o premio Hans Christian Andersen 2024, sinalado como o Nobel da literatura infantil.
Segundo informa o goberno local, a exposición compoñerase de 20 paneis, nos que a cidadanía poderá coñecer máis detalles sobre a vida de Fina Casalderrey contada a través de anécdotas e declaracións ofrecidas por ela mesma durante anos en diferentes medios.
Trátase dunha exposición escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, e que leva por título 'Fina Casalderrey: medrando entre historias'.
A súa inaguración está prevista para o xoves 18 de abril, contando coa presenza da propia escritora.
Estará dispoñible o resto do mes de abril e parte de maio.