Ata 2.000 milicianos galegos, segundo calculan os expertos, combateron no coñecido como exército de Euskadi durante a Guerra Civil. A súa historia vén de ser recuperada nun libro elaborado polo marinense Sergio "Satxa" Balchada Outeiral.
En Galegos no exército de Euzkadi 1936-1937, publicación editada polo servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, o autor recolle e divulga a presenza destes milicianos galegos no 'Euskadiko Gudarostea'.
Balchada explica que cando a primeiros de outubro de 1936 os milicianos do batallón CNT nº 1 Bakunin instaláronse en Amurrio para ocupar posicións na fronte arabesa, non pasaron desapercibidos entre a poboación local, entre outras cousas, polo seu acento galego.
A súa presenza non foi anecdótica. Aínda que non se pode asegurar o número preciso destes, a cifra supera moi posiblemente os 2.000 efectivos.
Ademais de no batallón Bakunin é notoria a participación galega nalgúns dos outros 75 batallóns que completan as forzas vascas, por exemplo, o Celta, que solicitara unha bandeira "que levase como emblema algo que simbolizase a rexión galega".
O libro será presentado o próximo mércores 20 de abril, ás 19:00 horas, na biblioteca de Marín. O acto está organizado en colaboración coa Asociación de Recuperación da Memoria Histórica de Marín.
Para asisitir é preciso confirmar asistencia en [email protected].