Un espazo de arte contemporánea, novidade para a décima edición do Culturgal

Pontevedra
20 de xuño 2017

O Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, amplía os seus horizontes. De cara á súa décima edición, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, incorporará un espazo de arte contemporánea

Terceira xornada do Culturgal 2016
Terceira xornada do Culturgal 2016 / Cristina Saiz

O Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, amplía os seus horizontes. De cara á súa décima edición, que se celebrará do 1 ao 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, incorporará un espazo de arte contemporánea.

Este espazo, que ocupará a sala de exposicións do Pazo da Cultura, suma preto de mil metros cadrados máis á superficie habitual da feira, os máis de 4.800 metros cadrados do recinto feiral pontevedrés.

O obxectivo é normalizar a exhibición e venda de arte contemporánea en Culturgal, á beira dos outros sectores representados anualmente na feira. O espazo terá personalidade propia.

Así o destacou a organización de Culturgal, que vén de anunciar que xa é posible reservar stand na feira. As reservas poden facerse a través da web www.cultur.gal, onde está dispoñible toda a información necesaria: manual do expositor, planos, listaxe de stands e formularios. 

O deseño da feira en 2017 consolida as melloras incorporadas na circulación dos públicos, con dous corredores principais e novas distribucións para os stands. En 2016 máis de oitenta entidades ocuparon cen stands estándar, esgotándose a venda de espazo feiral no verán.

Ao mesmo tempo, a feira abriu a convocatoria para o programa de actividades durante os tres días de Culturgal, que se compón cada ano de máis de 120 eventos.

O prazo está aberto ata o 2 de outubro. A organización irá confirmando as propostas seleccionadas a medida que as recepcione e decida a súa programación.

Culturgal sinala que responderá a criterios como a adecuación aos valores e obxectivos da Asociación Culturgal, entre os que destaca a promoción e o desenvolvemento da lingua e da cultura galegas, calidade do proxecto, adecuación ao contexto cultural galego e innovación na súa formulación, complementariedade entre as distintas propostas a nivel global e viabilidade técnica, material e económica.

Outros valores a ter en conta na selección de propostas será o lanzamento e estrea de produtos e proxectos, que teñan Culturgal como primeiro espazo de presentación; proxectos que veñan de ser publicados ou presentados, que o vaian ser en pouco tempo ou adianto de proxectos en proceso; ou produtos e proxectos que impliquen colaboración entre empresas do mesmo sector ou entre empresas de sectores diferentes.

Tamén se priorizarán propostas presentadas por entidades con stand na feira e por empresas asociadas ás entidades que forman parte de Culturgal; iniciativas que acheguen os procesos creativos ao público, con formatos de presentación singulares, non estandarizados e que incidan na participación do público e produtos ou servizos dirixidos a profesionais do sector cultural.

Arquivado en