Sábado de gran afluencia e protagonismo feminino en Culturgal

Pontevedra
01 de decembro 2024

Unha das actividades máis multitudinarias da xornada viviuse como colofón. Foi a Ultranoite Cultureta de Chévere, que encheu o Pazo da Cultura con máis de 700 persoas nas butacas

Sábado en Culturgal 2024
Sábado en Culturgal 2024 / Cristina Saiz

A Feira das Culturas Galegas, Culturgal, foi este sábado o lugar elixido para a presentación da obra gañadora do VI Premio María Victoria Moreno, Cartas na escuridade, de Lois Pérez.

O acto contou coa presenza do autor e de representantes das dúas entidades convocantes do premio, o concelleiro Demetrio Gómez polo Concello de Pontevedra e Andrea Jamardo pola editorial Cuarto de Inverno.

Foi unha das múltiples actividades que acolleu a feira este sábado, unha xornada marcada por unha elevada afluencia de público, en especial durante a mañá e as últimas horas da tarde, con milleiros de persoas que asistiron aos concertos e actividades programadas.

Durante a xornada, abundaron as actividades que, coma esta, poñen o foco nas mulleres na cultura. Na presentación desta obra, o protagonismo foi feminino como reivindicación da figura da pontevedresa de adopción María Victoria Moreno, unha das autoras fundamentais da literatura infantil e xuvenil en Galicia. 

Durante o acto tamén se puxo sobre a mesa que o xurado destacou desta obra de Lois Pérez a súa reivindicación dos dereitos humanos infatís a nivel global e o feito de "visibilizar realidades presentes no día a día pero das que non se fala, facendo remover conciencias na sociedade"

Presentación de ‘Cartas na escuridade’ de Lois Pérez,obra gañadora do VI Premio María Victoria Moreno
Presentación de ‘Cartas na escuridade’ de Lois Pérez, obra gañadora do VI Premio María Victoria MorenoConcello de Pontevedra

En clave feminina tamén se viviu a xornada no Espazo Arte de Culturgal, que acolleu na mañá deste sábado a instalación Perpetuando de Ana Monteagudo e Olaia Sendón, onde o público se pode retratar imitando imaxes icónicas da fotografía de todos os tempos grazas ó traballo do alumnado de imaxe e son do CIFP da Coruña. 

A performance 'Entre o medo e as flores' de Andrea Mosquera Guerrero e o stand de A Colectiva foron outros exemplos de arte con selo feminino que se puideron presenciar na feira.

Tamén en feminino se viviron as artes escénicas, coa conversa entre Xiana Arias e Paula Carballeira arredor do proxecto creativo de 'Mulleres que Viven Soas: o proceso creativo. Berrobambán’. Compartiron o proceso que levou unha sesión de Paula no Maratón de Cuentos de Guadalajara e a produción de dez podcast da man de Xiana para a coprodución de Berrobambán e FIOT de Carballo da montaxe teatral ‘#MQVS’.

En palabras de Xiana Arias, "o centro do proxecto son mulleres que decidiron vivir soas, abrodando desde unha escolla persoal e non unha circunstancia"

O recital poético de Su Garrido Pombo e Olga Novo e os concertos PAVA de Lucía Aldao e Caamaño e Ameixeiras tamén amosaron a firma de mulleres en vertentes artístias como a poesía e a música.

Unha das actividades máis multitudinarias da xornada viviuse como colofón. Foi a Ultranoite Cultureta de Chévere, que encheu o Pazo da Cultura con máis de 700 persoas nas butacas.

Ultranoite Cultureta de Chévere no Pazo da Cultura durante Culturgal 2024
Ultranoite Cultureta de Chévere no Pazo da Cultura durante Culturgal 2024Culturgal

NADAL NO GAIÁS 

A feira tamén acolleu este sábado a presentación das actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do vindeiro martes 3 de decembro.

Coa mostra 'Unha vida viquinga' como pano de fondo, a Cidade da Cultura inspírase este ano nos festexos do Yule nórdico para recrear no museo un pequeno poboado viquingo que acollerá obradoiros infantís de xoiaría ou tatuaxes temporais con runas.

Unha das súas propostas centrais é o Gran Circo de Nadal de La Fiesta Escénica. A compañía galego-arxentina presentará o 27 de decembro os seus novos elefantes e osos polares animatrónicos. O espectáculo, que estrea no Gaiás a súa xira desta tempada, convida a redescubrir en familia a maxia do circo clásico con acrobacias aéreas, música e coidadas coreografías.

O Nadal no Gaiás tamén volve acoller este ano a experiencia de realidade virtual do Galiverso, entrando virtualmente na casa do Apalpador para fisgar como vive esta figura do Nadal galego.