Revenidas estrea o seu cartel para 2023 cos únicos concertos de Ska-P e Zoo en Galicia

O Salnés
26 de xaneiro 2023

Ska-P e Zoo, dúas das bandas de referencia da escena alternativa nacional, ofrecerán este ano un único concerto en Galicia. Será, en ambos os dous casos, no Festival Revenidas. Sara Hebe, Fillas de Cassandra e Me Fritos and The Gimme Cheetos tamén estarán na próxima edición

Ska-P
Ska-P / Álex Lomart / Festival Revenidas

Ska-P e Zoo, dúas das bandas de referencia da escena alternativa nacional, ofrecerán este ano un único concerto en Galicia. Será, en ambos os dous casos, no Festival Revenidas. Así o anunciaron este xoves os seus organizadores, que avanzaron tres nomes máis do futuro cartel.

Sara Hebe, Fillas de Cassandra e Me Fritos and The Gimme Cheetos tamén estarán na próxima edición do festival, que se celebrará en Vilaxoán do 7 ao 10 de setembro e que suporá o vinte aniversario do que se deu en chamar o "festival das linguas".

O concerto de Ska-P será, de seguro, un dos grandes atractivos do festival. A comprometida e combativa banda vallecana de ska-punk xa anunciou que ao remate desta xira parará de xeito indefinido, polo que a súa actuación en Vilaxoán adquire unha relevancia aínda maior.

Zoo, pola súa banda, repetirá no Revenidas tras a súa apoteósica actuación do ano pasado. Volverán a mostrar a súa febril e excitante combinación de rap e música electrónica, con achegas dos ritmos latinos e mediterráneos e letras cun forte contido social e político.

A cantante e compositora arxentina Sara Hebe, unha das principais referentes do rap e da música urbana en Latinoamérica, presentará por primeira vez en Galicia o seu último disco, Sucia estrella, amosando o seu compromiso social e feminista.

A eles sumaranse as galegas Fillas de Cassandra, o dúo formado por Sara Faro e María Soa, que publicará en febreiro o seu primeiro disco. Na súa proposta conflúen elementos da tradición musical galega, da clásica e da electrónica e tamén cunha forte carga feminista.

A quinta e, polo de agora, última actuación confirmada para o festival é a da banda asturiana Me Fritos and The Gimme Cheetos. Amantes da festa, buscan darlle unha volta a cancións que todos o mundo coñece, dende Camela ou Isabel Pantoja a Quevedo ou Rosalía, para adaptalas a un estilo punk-rock melódico, acelerado e festeiro.

Os abonos para o Revenidas 2023 están á venda na web www.revenidas.com, a un prezo de 54 euros máis gastos de xestión.