O Festival Internacional de Poesía de Pontevedra volve celebrar unha nova edición na que participarán dez poetas de elevada calidade artística. Os días 20, 21 e 22 de abril, a Boa Vila converterase na capital da poesía a nivel internacional, estatal e local.
Así o explicou a poeta e crítica literaria Yolanda Castaño, na presentación que tivo lugar este xoves no Concello. Castaño foi a encargada de dar a coñecer o cartel de artistas que participarán na oitava edición do festival.
A portuguesa Filipa Leal, a catalá Dolors Miquel, a vascofrancesa Itxaro Borda, a francesa Aurelia Lassaque, o irlandés Keith Payne, os galegos Míriam Ferradáns, Elías Portela, Manuel Rivas e María Xosé Queizán e o poeta en lingua castelá Juan Carlos Mestre compoñen o cartel desta edición.
Son poetas que, como destacou Castaño, atópanse en diferentes momentos da súa traxectoria profesional.
Da Silva: "a poesía é o termómetro que mide a saúde dun país"
Unha das principais novidades desta edición será a variedade de lugares nos que se levará a cabo a PontePoética. O Teatro Principal, a Casa da Luz e o pub El Pequeño son os escenarios onde os asistentes poderán gozar de numerosos recitais, obradoiros e encontros.
O festival dará o pistoletazo de saída o venres 20 de abril, cun encontro poético co alumnado dos IES Valle Inclán, Frei Martín Sarmiento e o Luís Seoane, a onde acudirán María Xosé Queizán, Miriam Ferradáns e Keith Payne, respectivamente.
Pola tarde, a partires das 17:30 horas no Teatro Principal, terá lugar a inauguración oficial de PontePoética e o inicio do programa de recitais coa intervención de Manuel Rivas, Elías Portela, Filipa Leal e María Xosé Queizán. Na segunda quenda, que comeza ás 19 horas, participan Miriam Ferradáns, Keith Payne e Aurelia Lassaque.
O festival trasladarase pola noite ao pub El Pequeño, onde se proxectará videopoesía de Aurélia Lassaque e onde Elías Portela presentará o espectáculo Poemas dun traidor, no que o escritor galaico-islandés dará un pequeno repaso ás súas batallas poéticas.
A xornada do sábado 21 de abril comeza cun obradoiro de narrativa, dirixido por Manuel Rivas, que se celebrará no Teatro Principal a partires das 11 horas.
Os recitais regresarán a ese mesmo espazo pola tarde. O primeiro ás 17:30 horas contará coa intervención de Itxaro Borda, Dolors Miquel e Juan Carlos Mestre. A continuación, ás 19 horas, celébrase o recital final, presentado por Yolanda Castaño, con lectura de todos os poetas participantes.
O programa de actividades prolóngase á mañá do domingo 22 de abril coa celebración do obradoiro de poesía dirixido Juan Carlos Mestre, que dará comezo ás 11 horas no Teatro Principal.
Aínda que o galego será a lingua anfitrioa neste certame, a multiplicidade de procedencias do elenco e o feito de que os poemas serán recitados nas respectivas línguas orixinais dos autores, fan necesaria a tradución ao galego, en exclusiva, destas composicións para este evento.
Antón Sobral, presidente do Ateneo, recalcou que a grande maioría dos poetas que participan nestes actos quedan encantados coa versatilidade dunha cidade que aposta, ano tras ano, por enxalzar a lírica e a figura do poeta.
A concelleira Carme da Silva, presente na reunión, quixo sinalar a importancia de pór en valor a poesía, que é, segundo as súas palabras, "o termómetro que mide a saúde dun país". Ademais, insistiu no gran nivel existente en Galicia no ámbito artístico, e o mérito que supón poder contar cun cartel de artistas recoñecidos a nivel internacional.