Pontevedra retrocede 13.000 anos para coñecer como o home pasou a ser urbanita

Pontevedra
01 de outubro 2013

A exposición pode visitarse nunha carpa situada na Praza de España en horario de 12:30 a 14 h. e de 17 a 21 h. de luns a venres e de 11 a 14 h. e de 17 a 21 h. as fins de semana e festivos. Esta mostra permanecerá aberta ata o 1 de novembro e a entrada é gratuíta

Exposición "Neolítico. De nómadas a sedentarios"
Exposición "Neolítico. De nómadas a sedentarios"

Dende este martes, os visitantes que se acheguen ata a carpa situada na Praza de España poden internarse no período neolítico a través dunha exposición que reproduce a evolución do home dende que era nómade (hai 13.000 anos) ata a época na que se converteu en sedentario (hai 5.000).

Desta forma, a exposición que promove a Obra Social 'la Caixa' en colaboración co Concello de Pontevedra, comisariada por Lluís Batista, a través de paneis e pezas recrean as distintas épocas que recollen a desaparición dos últimos cazadores, as primeiras prácticas agrícolas, a domesticación animal para a gandaría, o uso da cerámica e o desenvolvemento da escritura.

Durante a presentación á que asistiron o alcalde de Pontevedra, a concelleira de cultura, o director territorial de 'la Caixa' e o secretario xeral da Fundación destacouse a colaboración entre o Concello e a Fundación que permitiu que durante dez anos se viñesen realizando exposicións deste tipo.

Miguel Anxo Fernández Lores comentou que lamentaba que "decisións alleas a Galicia e, en parte, por ineptitude, desidia e ineficacia que ás Fundacións que permitían acumular obras e realizar actividades culturais se foran perdendo. Os responsables de 'la Caixa' estiveron máis listos". O alcalde pontevedrés finalizou a súa intervención recomendando a visita, entre outros lugares, ao Centro de Interpretación dos Petroglifos en Campo Lameiro.

A exposición pode visitarse na carpa situada na Praza de España en horario de l2:30 a 14 h. e de 17 a 21 h. de luns a venres e de 11 a 14 h. e de 17 a 21 h. as fins de semana e festivos. Esta mostra permanecerá aberta ata o 1 de novembro e a entrada é gratuíta.