A Deputación de Pontevedra colocou un posto institucional no Culturgal, a Feira da Industria Cultural que comeza no Pazo da Cultura o 1 de decembro, para dar cabida ás propostas dos concellos da provincia con iniciativas que se relacionarán coa promoción da lingua galega con motivo da celebración do 'Ano da Lingua', que realizará a institución provincial.
Será o sábado 3 ás 13.30 horas no Espazo Foro, cando o deputado de Cultura, Xosé Leal, presentará as propostas con motivo desta celebración.
Entre as actividades previstas, a Deputación utilizará un fotocol, para promover a Gala do Ano do Patrimonio, realizado a partir dunha imaxe que recrea un escenario marítimo tridimensional, elaborada polo debuxante Luís Davila.
O fotocol anuncia a celebración desa gala o sábado 16 de decembro ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Cangas, presentado pola actriz Isabel Risco, coas actuacións de Xosé Budiño, Mercedes Peón, PelePau, Teatro de Ningures, Rebeca Santos e Compañía, Xurxo Souto e a Coral Polifónica de Bueu.
Ademais, a Deputación participa tamén nesta edición do Culturgal no Espazo de Arte Contemporánea cun posto para o Museo de Pontevedra onde se fará visible a obra de artistas que se presentaron ao Certame de Novos Valores.
Está previsto que 30 concellos participen nesta edición no posto da Deputación Provincial exhibindo os seus programas para dinamizar a lingua galega, ademais doutras iniciativas culturais.
levarán a cabo dous bloques de micropresentacións con intervencións de 5 minutos onde os representantes dos concellos mostrarán os seus proxectos dun modo dinámico. Desde a Deputación enténdese que esta fórmula propicia un intercambio de propostas entre as administracións locais e os axentes culturais que asisten ao Culturgal. Ademais, o posto contará cunha zona para material impreso, dúas pantallas de vídeo e un espazo para a consulta de publicacións.
O deputado Xosé Leal participará na presentación, entre outros actos, do libro 'O picoto do pai', que editou o Servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental e que recolle traballos de estudantes do Garaxe Hermético, ademais tamén intervirá na presentación do libro gañador do Concurso Balbino de Relatos 'De que falarán as árbores', de Ricardo Cid Paz.