O violinista Milan Al-Ashhab, segunda cita musical no Clasclás

O Salnés
28 de xuño 2021

O concerto inaugural deste ciclo de música clásica celebrábase o sábado na Praza da Peixería coa agrupación Guarneri Trio Prague, que ofrecía unha emotiva actuación ante o numeroso público que acudía a este evento

O Guarneri Trio Prague no Festival Clasclás
O Guarneri Trio Prague no Festival Clasclás

O sábado celebrábase o primeiro concerto da cuarta edición do Festival Internacional de Música Clásica Clasclás en Vilagarcía de Arousa. A Praza da Peixería acollía a actuación do Guarneri Trio Prague, que ofreceu unha emotiva actuación #ante o numeroso público que acudiu a este evento. Esta agrupación é unha das máis atractivas pola espectacularidade dos seus concertos.

E este luns 28, ás 21.00 horas, tamén na Praza da Peixería chegará a segunda actuación a cargo do violinista checo Milan Al-Ashhab, un virtuoso que mostra en cada peza a súa sensibilidade musical. Estará acompañado polo pianista Adam Skoumal, cunha longa traxectoria por escenarios europeos, norteamericanos e xaponeses. 

O mércores será a quenda de Ardemus Quartet, catro novos intérpretes que ofrecen música de cámara baixo unha perspectiva refrescante e atractiva para todos os públicos. Tamén será ás 21.00 horas na Praza da Peixería. 

As actuacións contempladas neste ciclo continuarán cunha actuación na Praia da Concha a partir das 21.00 horas a cargo da cantante galega Uxía. Será o xoves 1 de xullo.

O venres 2 haberá dúas citas musicais. Ás 12.00 horas o Concerto final Masterclasses e ás 21.00 horas, a actuación de Judith Jáuregui. O domingo pecharase o ciclo con Epoque  Quartet, a partir das 21.00 horas. Todas estas actuacións serán na Praza da Peixería, adoptando todas as medidas sanitarias en vigor.