O Salón do Libro xa está aquí. E, como aperitivo, 'Pintacuentos'

Pontevedra
06 de abril 2018

Desde a tarde deste xoves xa se pode visitar no segundo andar do claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a exposición 'Pintacuentos, ilustración mexicana contemporánea para a infancia' unha mostra de 142 obras orixinais de 49 ilustradores mexicanos 

Inauguración da exposición 'Pintacuentos' no Museo de Pontevedra
Inauguración da exposición 'Pintacuentos' no Museo de Pontevedra / Mónica Patxot

O XIX Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xa está aquí un ano máis. A inauguración oficial está prevista para a tarde deste venres, pero, como aperitivo, desde a tarde deste xoves xa se pode visitar no segundo andar do claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra a exposición 'Pintacuentos, ilustración mexicana contemporánea para a infancia'.

As persoas que se achegue ao Museo poderán visitar unha mostra de 142 obras orixinais de 49 ilustradores mexicanos, promovida pola Secretaría de Cultura e Agencia Mexicana de Cooperación Internacional para el Desarrollo (Amexcid).

'Pintacuentos' recolle o traballo de ilustradores de prestixio, plasmado en 142 obras orixinais, moitas delas publicadas en libros infantís e xuvenís. A exposición conta con pezas de Gabriel Pacheco, Valeria Gallo ou Cecila Rébora, que estarán na nosa cidade durante parte do Salón e colaborarán en diferentes actividades, algunhas delas en torno a esta mostra.

Trátrase dun inventario representativo do que se está a facer neste intre no mundo da ilustración, dende os máis vellos ata os talentos máis novos. Recompílanse traballos pertencentes a artistas nados ao longo de 5 décadas, dos anos 40 aos 80. 

O acto de inauguración oficial contou coa asistencia de Alin Escoto, coordinadora General de Programación da Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ); Susana Pliego, Consejera Cultural de México en España; Xosé Leal, deputado provincial de Cultura; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; e Carmen Fouces, concelleira de Cultura e Educación. 

INAUGURACIÓN

A inauguración oficial será no auditorio do Pazo da Cultura ás 18.00 horas co concerto 'Catrina e Dona Francisca', a cargo da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. É un espectáculo de música e contos que xira arredor das catrinas, iconas da cultura do noso país convidado, con máis de 100 anos de historia no folclore mexicano. Ademais da orquestra, o concerto contará coa presenza da escritora e narradora Paula Carballeira, que acompañará a música orquestral composta polo compositor galego Mario Diz e o director convidado Juan Miguel Romero Llopis.

As actividades da primeira xornada continúan ás 19.30 horas cun espectáculo de contacontos por conta de Pavís Pavós e Raquel Queizás, na compaña das contadoras mexicanas convidadas Rocio Kuri, María Guiexhooba e Alondra Angélica Ramírez. Xuntas percorrerán o Salón e encherano de contos de mulleres dunha e outra beira do Atlántico.

A gastronomía e cultura mexicanas porán o colofón ó primeiro día, a partires das 21.30 horas na cafetería do Pazo. Directamente chegados do emblemático barrio de La Merced, en Cidade de México, o Chef Rómulo Mendoza cos fogóns e Rocío Kuri cos contos ofrecerannos un petisco de México a través dos sabores e da palabra. Que mellor maneira de coñecer un país? As prazas para esta actividade xa están esgotadas.