As miradas xa están postas na vixésima edición do Salón do Libro porque este domingo o lobo Orbil, acompañado pola concelleira de Cultura Carmen Fouces, pechou as portas deste evento emblemático, que ten a literatura infantil e xuvenil como protagonista. O equipo de colaboradores levou a cabo unha divertida despedida despois de tres semanas de intensa actividade.
Ao longo de 23 días realizáronse 150 actividades, coa presenza dunha delegación dunha ducia de profesionais procedentes de México, na que foi a cita máis internacional do Salón desde o seu nacemento. Eles foron os encargados de desenvolver 60 actividades. Esta edición que levaba por título 'Abrandares de conto' tamén quixo destacar a figura da muller no ámbito literario.
Espectáculos, música, sesións de contos, presentacións de libros, teatro ou ilustración causaron a admiración de máis de 30.000 persoas que pasaron polo Pazo da Cultura, con público profesional e adolescente. 60 centros escolares participaron nesta edición como colaboradores, 14 pertencían a ensino secundario e o resto a educación infantil e primaria.
A organización xa anunciou que, nas vindeiras semanas, se coñecerán as datas de celebración do XX Salón do Libro, cando Orbil volva abrir as portas á lectura máis imaxinativa.