"Debuxantas, pioneiras da ilustración" foi unha das mostras organizadas polo Museo de Pontevedra que se viron afectadas pola crise do coronavirus. Pero, ante a posibilidade de que non se poida reprogramar, está a ter unha segunda vida a través da internet.
A partir deste mércores, a páxina web do Museo difundirá unha iniciativa para que a rapazada coñeza máis fondamente a algunhas das autoras da exposición e mesmo transforme pezas da mostra de maneira personalizada.
A proposta, enmarcada dentro da iniciativa O Museo en Familia, consiste en facer diversas manualidades con varias das ilustracións que estes días colgan nas salas do Museo sen que ninguén as poida visitar presencialmente.
A primeira actividade é crear portalapis ou caixas personalizadas con debuxos de tres ilustradoras (a.t.c., Viera Sparza e Xelia) con materiais sinxelos. Para iso, é preciso imprimir os modelos, colorealos, recortar a silueta e dobrar as pestanas para despois encolalas e unilas.
Por outra banda, tamén se propón achegar á casa dúas pezas da ilustradora Ana María Badell Lapetra para darlle vida coloreándoas con colores propios diferentes ás da creadora.
A exposición "Debuxantas, pioneiras da ilustración" exposta no Museo de Pontevedra contén 136 obras de 40 mulleres artistas que traballaron para a revista Blanco y Negro e ABC dende a súa fundación en 1891 ata 1903, respectivamente, ata finais dos anos 90 do século pasado.
A pesares dos contactos da dirección do Museo para poder prolongar a mostra máis alá da súa data de peche inicial en Pontevedra -o 17 de maio- o máis probable é que non sexa posible.
Xa existen outros destinos previstos para a exposición noutras localidades a partir de finais de maio e todo indica que a situación de confinamento obrigará a realizar unha apertura paulatina dos espazos públicos, o que impediría unha ampliación para o público da cidade do Lérez.