O Museo de Pontevedra acollerá unha exposición que poñerá en valor a ponte do Burgo

Pontevedra
27 de febreiro 2018

Este venres 2 de marzo inaugúrase unha exposición que dará a coñecer os detalles do proxecto de reforma da ponte do Burgo, así como a súa orixe ata o século XXI

Ponte do Burgo, Pontevedra
Ponte do Burgo, Pontevedra / Concello de Pontevedra

Con motivo da posta en marcha do proxecto de reforma da ponte do Burgo, prevista para este ano, anunciábase esta mañá o inicio dunha exposición no edificio Sarmiento. Inaugurarase este venres 2 de marzo, ás 20:00 horas, polo alcalde e a presidenta da Deputación de Pontevedra.

A través desta exposición explicarase e vai darse a coñecer o proxecto de reforma que actualmente se atopa en trámite, ademais de facer unha achega á historia da ponte. Permitirá apreciar a evolución que experimentou desde a súa construción no século XII.

A exposición constará de 15 paneis de varias pezas atopadas nas diferentes escavacións da ponte. Apoiando isto, editarase un catálogo, unha páxina web e un vídeo que recollerá reflexións de historiadores, arquitectos e cargos políticos acerca da súa historia.

Ata o día 28 de marzo, os pontevedreses e turistas poderán coñecer a historia da ponte, os detalles da súa reforma e o resultado das obras.