O Museo anima ao público infantil a elaborar unha exposición virtual

Pontevedra
30 de marzo 2020

Baixo o título "Xogamos, lemos e debuxamos na casa", a intención é que os pequenos coñezan o funcionamento interno dos museos, escollan obxectos (debuxos, contos ou xoguetes) dos seus domicilios e lles tiren unha foto para que despois un adulto a colgue no Facebook do Museo

Caixa de xoguetes
Caixa de xoguetes / Belén Veleiro

O Museo de Pontevedra pon sobre a mesa unha nova proposta para realizar en familia: que os nenos se animen a facer de comisarios dunha exposición virtual dende as súas propias casas durante o confinamento.

Baixo o título "Xogamos, lemos e debuxamos na casa", a intención é que os pequenos coñezan o funcionamento interno dos museos, escollan obxectos (debuxos, contos ou xoguetes) dos seus domicilios e lles tiren unha foto para que despois un adulto a colgue no Facebook do Museo.

Con todas as aportacións farase unha exposición virtual a través dunha vitrina imaxinaria.

Para acompañar no proceso dende o Museo e ao longo desta semana, entre o martes e o venres, tres técnicas do museo guiarán a andaina a través de catro vídeos, un por día, nos que explicarán cal é a proposta e como participar.

A partir do venres pola tarde ata o sábado ás 18 horas, as persoas participantes poderán subir as fotografías da súa vitrina e da súa publicidade ao Facebook dun adulto co cancelo #eusonomuseodepontevedra. Entón será cando o director da institución museística procederá a inaugurar a exposición, tamén a través dun vídeo feito para a ocasión.

Hai que lembrar que, de forma paralela, o Museo segue tamén coas actividades do ‘Museo en familia’ que se poden consultar e descargar na páxina web, e con visitas virtuais con fotos en 360º das salas de exposicións permanentes e temporais do Sexto Edificio a través de Facebook.