A través dun burofax, a familia da princesa Czartoryski reclamou á Deputación de Pontevedra a devolución do díptico que foi expoliado polo réxime nazi e que era localizado no Museo de Pontevedra.
Este mércores, César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, anunciaba que, durante os últimos meses, se realizaron consultas para documentar a fórmula legal que se debe executar para entregar a Polonia este cadro conformado por 'A Dolorosa' e 'O Cristo coroado de espiñas', que permanece exposto no edificio Castelao ata que sexan trasladados.
Tanto os informes da secretaría da Deputación, como do Ministerio de Cultura e un documento externo do despacho de avogados Garrigues avalan o procedemento de entrega gratuíta desta obra. Este procedemento iniciarase, segundo explicou o vicepresidente, coa aprobación no pleno provincial a entrega deste ben de servizo público para, a continuación, solicitar autorizacións á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Cultura porque se trata dunha obra que forma parte do patrimonio cultural de ambas as institucións.
O goberno estatal acometerá o traslado, asumindo inicialmente os gastos, para entregalo directamente aos representantes do goberno polaco, que deberá acometer despois todo o custo da operación. Será tamén o goberno polaco quen decida se entrega despois a obra á familia da princesa Czartoryski, segundo recollen os tratados internacionais para este tipo de casos.
Estas dúas pinturas pinturas, tras saír de Varsovia en 1944, reapareceron no comercio de arte de Madrid en 1973. Despois, ingresaron no Museo como depósito do coleccionista José Fernández López e, desde 1994, son propiedade da institución tras a compra da súa colección grazas á colaboración entre a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.
O díptico pensábase inicialmente que era obra do pintor holandés Dieric Bouts (Ca. 1420- 1475), principal representante da Escola de Lovaina, pero finalmente as investigacións demostraron que foi pintado por algunha das persoas que pertencía a súa escola.