O luns 29 de xuño ás 22.30 horas, a Praza da Pedreira acollerá o inicio da cuarta edición do ciclo FLOP Cinema onde se ofrecen propostas cinematográficas a través de producións que amosan historias e referentes tanto galegos como internacionais relacionados co movemento LGTBIQ+.
Este xoves presentánbase no Concello de Pontevedra as películas que forman parte deste ciclo que abre a programación das festas de verán, a cargo da concelleira Carme da Silva, acompañada por María Ruiz Falcó, de FICBUEU; Olalla Márquez, do Cineclub Pontevedra; e Suso Novás, de Novos Cinemas. Estes colectivos relacionados coa actividade fílmica e Avante LGBT encargáronse de seleccionar as propostas que o público poderá ver durante a vindeira semana de maneira gratuíta e coa adopción das medidas de seguridade na coñecida praza pontevedresa. A capacidade do espazo estará limitada e non se permitirá o acceso unha vez que se acade o límite establecido de espectadores.
A primeira proxección será o documental 'Noite Irisada' elaborado en Galicia por Beatriz Vázquez. É a primera obra que trata o mundo LGTBIQ+ neste formato dentro da comunidade galega. Tanto a directora coo a escritora Nanina Santos, figura histórica do movemento feminista galego, participarán dun coloquio cos asistentes cando remate a proxección desta obra que recolle a loita do colectivo desde as falsificacións de xénero nas cantigas medievais ata os tempos actuais.
O martes 30 proxectarase 'Tongues Untied', outro documental neste caso dirixido polo xa falecido Marlon Riggs, que realiza un relato sobre a identidade afroamericana gay. A película foi criticada polo congreso dos Estados Unidos e censurada pola televisión pública americana, despois de financiala. Esta obra emítese a proposta do Cineclub Pontevedra.
A sesión do mércores recolle unha selección de curtametraxes escollidas polo FICBUEU. 'In a hearbeat', de animación; 'Fumando espero', obra galega dirixida por J.A. Blanco; 'Prisioner of society', documental con diversos premios que expón a vida dunha moza transxénero; 'Yulia and Juliet', unha curta holandensa baseada en 'Romeo e Xulieta' de Shakespeare; e 'O orfao', traballo de Carolina Markowicz baseado en feitos reais sobre un menor adoptado que é devolto ao centro por consideralo demasiado afeminado.
A asociación Avante Pontevedra propón para o xoves a cinta 'The handmaiden (A doncela)', unha película coreana dirixida por Park Chan-wook, que dura 145 minutos e que, segundo Suso Novás, é unha das mellores pezas para ver corenta xiros de guión a través dun relato de amor feminino.
Por último, o venres 3, na pantalla da Pedreira poderá verse 'C.R.A.Z.Y.', unha película canadiana dirixida por Jean-Marc Vallée, unha obra que conta a historia de Zach co seu pai a través dun drama familiar.