Unha delegación do FICBUEU, encabezada polo seu director, Manuel Pena, atópase esta semana en Francia para asistir ao Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand, un dos eventos máis importantes do sector a nivel mundial.
A viaxe forma parte da estratexia para promocionar a cita bueuesa no eido internacional, recadando información sobre as últimas novidades e mantendo diversas xuntanzas.
Deste xeito, os membros do equipo acudirán ás proxeccións da sección internacional, na procura de filmes que poidan resultar de interese para o FICBUEU, ao tempo que visitarán o gran Mercado da Curtametraxe, con 143 expositores de 29 países e máis de 8.000 obras na videoteca. Ademais, reuniranse co delegado xeral da cita gala, Laurent Crouzeix, para compartir impresións sobre a organización deste tipo de eventos.
Tamén manterán encontros co festival italiano Concorto e mais coas plataformas de distribución e inscrición de curtas Festhome e Shortfilmdepot, esta última empregada polo Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que nestes intres e ata o 14 de abril ten aberto o prazo para a presentación de obras.
A axenda inclúe asemade xuntanzas coas delegacións de comunidades autónomas españolas presentes en Clermont-Ferrand, a onde cada unha leva o seu novo catálogo de curtas.
Segundo Manuel Pena, "a experiencia está a resultar moi interesante e enriquecedora, xa que nos permite achegarnos de primeira man a traballos de primeiro nivel mundial e manter un contacto directo con organizadores, distribuidoras e promotores".
"Sen dúbida, este intercambio de coñecementos repercutirá positivamente na vindeira edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu", conclúe o seu director.
O FICBUEU desenvolverase na localidade pontevedresa entre o 7 e o 15 de setembro, co apoio do Concello de Bueu, alén doutras entidades públicas e privadas.