O Concello de Vilagarcía anunciou como se poñerán ao dispor das persoas interesadas en acudir ao Festival Internacional de Música Clásica de Vilagarcía 'Clasclás' as invitacións para este evento que comeza o 27 de xuño.
As invitacións serán necesarias para os concertos de inauguración, que ofrecerá no Auditorio a Orquestra Sinfónica de Galicia, o de clausura e os que ofrecerán mentores e participantes no YAP na Praza da Peixería e no Salón García.
Os concertos gratuítos que non precisarán retirdad de invitación celebraranse nas igrexas de Santiago Apóstolo de Carril e de San Martiño de Sobrán, en Vilaxoán. Ademais, a organización xa alerta de que están completamente esgotadas as entradas para acudir aos concertos de pago que se celebrarán nos pazos de Golpelleira e de Rubiáns.
O resto de concertos serán:
Concerto inaugural Orquestra Sinfónica de Galicia - 27 de xuño: Será necesario retirar as invitacións no despacho de billetes do Auditorio Municipal o xoves 27 a partir das 11.00 horas da mañá e ata que se esgoten. Só poderanse retirar catro invitacións por persoa.
Para os concertos do Salón García e da Praza da Peixería haberá que retirar as entradas unha hora antes do concerto no lugar de celebración. O máximo de invitacións serán dúas por persoa.
Para os concertos que teñan lugar nas Igrexas de San Martiño de Sobrán o mércores 3 de xullo ás 11.00 horas e na Igrexa de Santiago do Carril o xoves 4 e o venres 5 ás 12.30 horas non será necesario retirar invitacións. O acceso será libre.
No caso do Concerto de clausura do 6 de xullo que se celebra no Auditorio Municipal será necesario retirar as entradas no despacho de billetes ese sábado a partir das 18.00 horas. Só se entregarán catro entradas por persoa.