O recoñecido muralista vigués Peri Helio vén de rematar a que é a súa quinta e maior creación artística no casco urbano de Caldas de Reis. Unha fachada situada na praza da Constitución loce un novo mural de composición onírica e surrealista no que o autor quixo representar nunha metáfora os camiños da vida e o coñecemento.
A obra mostra un labirinto unicursal, un tipo de labirinto moi presente en diferentes civilizacións e culturas antigas que representa os camiños do coñecemento e, ao mesmo tempo, fai referencia a un multiverso no que se plasman os diferentes sendeiros que un percorre ao longo da súa vida, mesturando estes dous conceptos nunha metáfora que conforma a composición.
O autor tamén quixo representar na obra o Camiño de Santiago, tan importante para Caldas de Reis. Nese caso, o Camiño foi historicamente unha entrada a Galicia de diferentes culturas a través da peregrinación. Nesa andaina cada persoa vive as súas propias experiencias e avanza nun máis profundo coñecemento persoal que dese modo tamén se representa no mural.
Na obra tampouco faltan escenas e personaxes que fan referencia a Caldas, entre outros, elementos animais e vexetais como as libélulas, pois Peri entende que para alcanzar o coñecemento é fundamental observar e profundar sobre a natureza e o mundo que nos rodea.
As grandes dimensións do mural, sobre unha fachada de 15 metros, fixeron que o artista tardase 18 xornadas de traballo en rematalo. Esta obra enmárcase dentro do festival de arte público Kaldarte, que este ano alcanzou a súa 24ª edición e foi financiado pola Deputación de Pontevedra.