O Museo de Pontevedra ofrecerá varias actividades dentro da programación do Placemaking Week Europe Pontevedra, un encontro-festival arredor do espazo público a mobilidade que se celebrará na cidade do 27 ao 30 de setembro.
As persoas participantes realizarán visitas guiadas ao Museo e ás escavacións arqueolóxicas que se están a acometer no convento de Santa Clara. Ademais, ofreceranse unha serie de obradoiros dirixidos a nenos de 6 a 12 anos.
Co título "Intramuros", este programa de obradoiros desenvolverase os días 27, 28, 29 e 30 de setembro, de 17.00 a 19.00 horas. Son catro sesións independentes para as que xa está aberta a inscrición no correo electrónico contacto@tallerabierto.info. O programa busca dar a coñecer o valor do patrimonio arquitectónico e urbanístico da cidade de Pontevedra con actividades situadas entre o xogo e a plástica.
Nos obradoiros reinterpretarase o tecido urbano e a arquitectura vernácula co fin de coñecer a importancia do Museo de Pontevedra na cidade. As fins do obradoiro son coñecer mellor o Museo, promover o coñecemento da nosa historia e desenvolver o sentido da observación, espertando nos nenos participantes o interese pola arquitectura.
A primeira sesión, o martes 27 de setembro, leva como título "A vista de paxaro": nun itinerario aéreo os participantes coñecerán as trazas da muralla e as distintas formas que toma a cidade. A sesión do mércores 28, co título "Habitando formas xeométricas", traballará os espazos que nos rodean simplificándoos para reducilos á súa forma esencial.
O xoves 29 terá lugar a terceira sesión, co título "Rastros e restos": un achegamento á superposición de capas nas que as distintas etapas históricas van deixando a súa pegada sobre a trama urbana. O venres 30 celebrarase a cuarta e última sesión "Completando o crebacabezas", na que os participantes verán como contemporaneidade e tradición conviven poñendo como exemplo o diálogo arquitectónico entre o edificio Sarmiento e o edificio Castelao.