Inauguran na Praza de Ourense a exposición 'Fina Casalderrey. Medrando entre historias'

Pontevedra
18 de abril 2024

A mostra permite facer un percorrido pola cronoloxía literaria e humana da escritora pontevedresa. Pode visitarse ata o día 20 de mayo

Inauguración da exposición 'Fina Casalderrey. Medrando entre historias'
Inauguración da exposición 'Fina Casalderrey. Medrando entre historias' / Concello de Pontevedra

Homenaxear e contar a historia da escritora pontevedresa máis recoñecida na actualidade a nivel internacional. É o obxectivo da exposición 'Fina Casalderrey. Medrando entre historias' que foi inaugurada este xoves na Praza de Ourense.

A mostra, organizada polo Concello de Pontevedra e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), poderá visitarse ata o próximo 20 de maio.

Escrita por María Lado e ilustrada por Nove Noel, componse de 20 paneis, nos que a cidadanía pode coñecer máis detalles sobre a vida de Fina Casalderrey contada a través de anécdotas e declaracións ofrecidas por ela mesma durante anos en diferentes medios.

Trátase "dunha exposición compartida con todos vós", sinalou a propia Fina Casalderrey na inauguración agradecendo a todos os presentes o agarimo mostrado.

"Fina é o exemplo perfecto de como desde calquera aldea deste país podemos chegar a ser universais sen renunciar á nosa lingua nin á nosa cultura", defendeu pola súa banda o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a candidata este ano aos premios Memorial Astrid Lindgren 2024 e Hans Christian Andersen 2024.

Tras os discursos a responsable da mostra, María Lado, realizou unha visita guiada acompañada das personalidades presentes, entre as que tamén estaban o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.