A imaxe de mulleres relacionadas co mundo da literatura que influíron na ilustradora viguesa Ana Villegas centran o cartaz gañador do Concurso Internacional do Salón do Libro e converteuse na portada do calendario que se edita con motivo deste evento cultural.
Este xoves presentábase na Deputación de Pontevedra este calendario no que se recollen tamén os traballos do resto de finalistas nesta primeira convocatoria do concurso.
O deputado responsable de Cultura, Xosé Leal, manifestaba que esta iniciativa servirá tamén para fomentar o 'Ano da Lingua', a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces destacaba o carácter internacional deste concurso, mentres que o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), Xosé Antonio Perozo, afirmaba que a literatura para os máis novos converteuse no mellor escaparate de Galicia con autoras gañadoras do Premio Nacional de Literatura como Fina Casalderrey ou recentemente Ledicia Costas. Tamén subliñou a importancia da organización deste certame de ilustración que se converte nunha iniciativa orixinal e necesaria.
Ana Villegas, autora do cartaz gañador que reside en Italia, indicou que coñecera a convocatoria do premio a través de Internet e que entregou o traballo o último día do prazo de admisión.
A ilustradora explicou tamén que tentou reflectir a mulleres vinculadas cos libros ou que son referentes na súa vida como a súa avoa ou a súa sobriña ou autoras tan relevantes como Virginia Woolf ou Gloria Fortes combinadas con personaxes de ficción como Mary Poppins, Pippi Mediaslongas ou Caperucita Vermella. A autora quixo valorar a importancia de nais e avoas anónimas que se enfrontaron a dificultades para poder sacar adiante ás súas familias.
O calendario inclúe datas sinaladas que se atopan relacionados con eventos da literatura galega e tamén con obras universais traducidas ao galego. Publicaranse 10.000 almanaques, que comezarán a repartirse no Culturgal. Tamén está previsto que se distribúan en centros educativos e no Salón do Libro.