A décimo novena edición do Salón do Libro de Pontevedra chega cargada de novidades e a reivindicación da muller como argumento principal. Así, o tema deste ano, "Mulleres de conto", renderá unha homenaxe á figura feminina a través de exposicións, obradoiros e mostras, entre outras. O país convidado nesta ocasión será México, polo que o público poderá gozar, do 6 ao 29 de abril no Pazo da Cultura, de distintas manifestacións artísticas do país inca.
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou este mércores no Concello a proposta para a exposición deste ano, na que a cultura mexicana e a nosa propia son as protagonistas.
O Salón do Libro ofrecerá "Pintacuentos. Ilustración Mexicana Contemporánea", que será instalada no Museo de Pontevedra, co obxectivo de espallar o espírito do Salón por toda a cidade. Trátase dunha mostra de 142 obras orixinais de artistas como Gabriel Pacheco ou Gabriela Gallo, algúns dos cales participarán no evento a través de obradoiros ou actividades. É a primeira vez que esta exhibición se habilita en Europa.
Doutra banda, unha mostra sobre variedade lingüística, na que os asistentes poderán gozar de 68 voces que representarán as máis de 300 variedades lingüísticas que existen en México, mediante a narración de contos ou historias tradicionais. Gabriela Vadillo, a creadora deste proxecto, pretende con el recuperar a memoria oral das distintas rexións do país, reinvindicar a diversidade como riqueza e o orgullo de pertencer a unha comunidade.
O fomento da lectura virá da man do Premio Internacional de Ilustración e do Concurso Nacional de Cartel, organizado este último pola Feria Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ) de México.
Na presentación mostraranse as obras de ambos os dous gañadores e dalgúns finalistas. "Keren Tá Merced" tráenos unha bela iniciativa traída do país azteca. No contexto do barrio de La Merced, cun dos mercados máis grandes do país, persoal do mercado creou un centro cultural no que se impulsa a lectura entre os fillos dos propios comerciantes, con escaseza de medios, pero cunha gran dignidade e amor polo labor que exercen.
A proposta do Salón do Libro completarase coa exposición de "Pioneiras galegas que abriron camiño", álbum de biografías ilustradas que nos trae Xerais e que lembra e homenaxea a distintas mulleres que destacaron ao longo da historia en campos tradicionalmente dedicados aos homes. O alumnado do Máster de Ilustración verá representado o seu traballo na "MI", na que se poderán ver máis de 20 retratos de mulleres escritoras e protagonistas de contos.
Finalmente, incorporouse unha mostra da man da Fundación Alexandre Bóveda, dedicada á figura do poeta Manuel María e a súa obra "Soños na gaiola", que recolle once láminas dedicadas case todas elas á figura da muller. Como destacou a concelleira, trátase dunha programación "moi visual, moi interesante, que ocupa todo o que pretendemos que sexa esta edición do Salón do Libro".