'Escaquis e Romeu' preséntanse en sociedade e empezan a escribir a historia do novo Salón do Libro

Pontevedra
03 de decembro 2016

O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2017 xa conta cun libro propio, o segundo da colección do Salón, escrito e ilustrado por Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández Serrano e que inclúe unha homenaxe ao escritor Agustín Fernández Paz, falecido o pasado xullo

Presentación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no Culturgal
Presentación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra no Culturgal / Cristina Saiz

12.45 horas do sábado 3 de decembro de 2016. Para a concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, é o momento no que empezou unha nova historia, a do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra 2017, a XVIII edición do certame, que xirará arredor do tema 'O mundo que queremos' e a partir desta data e esta hora xa conta cun libro propio.

Ás 12.45 horas deste sábado presentouse o traballo, segundo da colección do Salón do Libro e que leva por título Escaquis e Romeu

Escaquis e Romeu é obra dos escritores Antonio Manuel Fraga e Jacobo Fernández Serrano, este último nesta ocasión como ilustrador. Ambos os dous estiveron presentes este sábado na presentación oficial do libro, que coincidiu, como xa é habitual, coa celebración de Culturgal e contou coa presenza da mascota do Salón, Orbil. Era o trámite que faltaba para que empece xa a conta atrás para o Salón, que o vindeiro luns xa empezará a trabajar nos colexios coa repartición de exemplares deste libro para que os escolares pontevedreses empecen a traballar con el. "E gozar con el".  

O libro non só será o segundo volume da colección do Salón, senón que tamén servirá de homenaxe ao escritor Agustín Fernández Paz, un dos máis recoñecidos da literatura infantil e xuvenil en galego, falecido o pasado mes de xullo. A propia Anxos Riveiro desvelou emocionada este 'guiño' ao autor, en cuxa figura está inspirado un dos personaxes de Escaquis e Romeu

Fernández Paz é "unha persoa moi importante no Salón" e, cando este mesmo venres Anxos Riveiro tivo o libro na man por primeira vez e descubriu que a portada incluía un personaxe moi parecido a el, emocionouse e mesmo lle saltaron as bágoas. Un día despois, presentouse no Espazo Libro do Culturgal e, xusto diante, había un cartel coa súa cara, de modo que o escritor de Vilalba non puido estar más presente. 

Jacobo Fernández e Antonio Manuel Fraga confirmaron que ese personaxe está inspirado en Fernández Paz e busca renderlle homenaxe, pero dun xeito discreto. Con todo, non foi algo programado, senón que o escritor describiu ao barbeiro que protagoniza o libro e, cando rematou, deuse conta de que o parecido era moi evidente. Non lle dixo nada ao ilustrador e, cando o debuxou, tamén descubriu esa similitude. Os dous se amosan moi satisfeitos de aportar así o seu gran de area para lembralo, pero indican que cando empezaron a escribilo e debuxalo corría o mes de xuño, de modo que aínda non falecera

Escaquis e Romeu é unha historia fantástica como adoitan ser as de Antonio Manuel Fraga que aborda o tema 'O mundo que queremos' fuxindo do dogmatismo e buscando traballar "a empatía, poñernos no lugar dos demais". Para logralo presenta a Escaquis, unha nena moi rara que unha noite de treboada apareceu na barbería de Romeu e como a partir dese momento puxo o seu mundo patas arriba.  

Arquivado en