A Praza da Peixería será o espazo no que se acollerán os concertos de música clásica previstos dentro da programación do Festival Clasclás 2021 que se desenvolverá en Vilagarcía de Arousa entre o 26 de xuño e o 4 de xullo.
O alcalde Alberto Varela, a directora do festival Rosina Sobrido e o concelleiro de Educación Argimiro Serén presentaban esta edición presentaban o programa e a fórmula de adquirir as entradas a través dunha plataforma web.
Os concertos comezarán o sábado 26 de xuño a partir das 21.00 horas coa actuación de Guarneri Trio de Praga, un dos tríos de piano máis recoñecidos mundialmente e que ofrecen desde o inicio da súa carreira interpretacións artisticamente espectaculares. Este 2021 celebran 35 anos tocando xuntos.
O luns 28, tamén ás 21.00 horas, chegará o momento do violinista checo Milan Al-Ashhab. Este virtuoso ofrece nos seus concertos todo un espectáculo de sensibilidade musical e de calidade técnica. Estará acompañado en Vilagarcía polo pianista Adam Skoumal, coñecido tanto en Europa, Estados Unidos e Xapón como un dos compositores checos de maior relevancia na actualidade.
O mércores 30, Ardemus Quartet, cuarteto finalista do prestixioso premio Dutch Classical Tallen Award 2017-18 ofrecerán un concerto refrescante baseado no seu repertorio de música de cámara.
A artista galega Uxía Senlle será a protagonista o xoves 1 de xullo cun recital na praia da Concha, a partir das 22.00 horas. A intérprete de Mos leva máis de trinta anos de carreira artística renovando a música tradicional galega realizando combinacións con outros ritmos como os brasileiros.
O venres 2 de xullo, ás 12.00 horas, os centros participantes nas Masterclasses ofrecerán un concerto final a través de tríos de piano. Será tamén na Praza da Peixería.
Nesa mesma xornada e no mesmo escenario a pianista Judith Jáuregui ofrecerá un dos concertos estrela deste festival. A artista nada en San Sebastián inclúe Vilagarcía nunha xira que a levará durante este ano a grandes salas españolas como o Auditorio de Zaragoza, o Teatro Vitoria Eugenia de San Sebastián ou o Auditorio Nacional de Madrid.
O Clasclás finalizará o domingo 4 de xullo ás 21.00 horas co concerto de Epoque Quartet, catro músicos de corda que senten admiración polo jazz, o rock e o funk para ofrecer espectáculos sonoros que sorprenden e polos que os seus intérpretes foron premiados internacionalmente.