Davide Salvado presenta en Santa Clara "un acto de fe no patrimonio"

Pontevedra
15 de maio 2023

A presentación, prevista para este xoves 18 de maio ás 21:00 horas, forma parte das actividades programadas polo Museo de Pontevedra no 'Día dos Museos'. Ese día unha exposición itinerante de reproducións de obras de arte do Museo chegará á Residencia da Terceira Idade de Campolongo

Davide Salvado, na praza da Ferrería
Davide Salvado, na praza da Ferrería / Mónica Patxot

O músico e cantante galego Davide Salvado presentará esta semana na igrexa do convento de Santa Clara o seu novo proxecto, 'Permita Deus', concibido coma "un acto de fe no patrimonio".

A presentación, prevista para este xoves 18 de maio ás 21:00 horas, forma parte das actividades programadas polo Museo de Pontevedra no 'Día dos Museos'.

A voz e as percusións de Davide estarán acompañadas do violín de Cibrán Seixo e a guitarra eléctrica de Antonio Casado para convidarnos a un recollemento sonoro con forma de concerto e fondo de acto espiritual, para o cal a igrexa do convento de Santa Clara será un escenario único. 

En 'Permita Deus', percorre un catálogo moi persoal de cancións que quere facer ao espectador partícipe da intimidade dunha atmosfera creada por un son preciosista, lento e un pouco meditativo. 

Con 'Museos, sostibilidade e benestar' como eixo temático, a programación do Día dos Museos complétase cunha exposición itinerante para achegar a arte ás persoas maiores, unha visita guiada sobre museo e benestar e o espectáculo de monicreques para público familiar 'O peirao', de Diáspora Teatro. 

O xoves 18 de maio, coincidindo coa data na que se celebra o Día dos Museos, unha exposición itinerante de reproducións de obras de arte do Museo chegará á Residencia da Terceira Idade de Campolongo. Alí, a consultora e formadora en Interpretación do Patrimonio, Isabel Fernández Domínguez, acompañará ás persoas usuarias do texto para interpretar con elas as obras da colección do Museo reproducidas. 

O venres 19 ás 18 horas terá lugar unha visita guiada no Edificio Castelao, a cargo do  equipo de Educación do Museo. Nela proponse unha nova mirada sobre a colección permanente para amosar como se reflicten as preocupacións pola sostibilidade e como contribúen ao benestar da sociedade. 

O sábado 20 de maio ás 12:30 horas, no Edificio Castelao, o público familiar a partir de 3 anos, poderá gozar dun espectáculo no que se mesturan narración oral, teatro de obxectos, monicreques e clown. 'O peirao' é un espectáculo de Diáspora Teatro con contos sobre como coidarnos coidando da natureza.