Culturgal chega ao décimo aniversario fortalecendo a arte contemporánea e a unión con Portugal

Pontevedra
06 de xullo 2017

Manuel Bragado destacou que Culturgal volverá do 1 ao 3 de decembro ao Pazo da Cultura de Pontevedra coa aposta de seguir sendo un espazo de mediación entre empresas, institucións e públicos da cultura ao tempo que abre novos camiños de cara ao exterior, con Portugal como cultura convidada 

Presentación da décima edición de Culturgal e da súa nova imaxe gráfica
Presentación da décima edición de Culturgal e da súa nova imaxe gráfica / Mónica Patxot

A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, chega este ano 2017 á súa décima edición con novidades na súa imaxe gráfica -totalmente renovada- e tamén na propia cita. Por primeira vez, terá unha cultura convidada, Portugal; e estreará un novo espazo expositivo adicado á arte contemporánea. 

O presidente e o director de Culturgal, Manuel Bragado e Xosé Aldea, presentaron a décima edición este xoves acompañados polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carmen Fouces; e o deputado provincial da área, Xosé Leal. Todos destacaron a boa saúde da cita cultural, que chega á primeira década consolidada como un evento único e imprescindible en Galicia. 

Manuel Bragado destacou que Culturgal volverá do 1 ao 3 de decembro ao Pazo da Cultura de Pontevedra coa aposta de seguir sendo un espazo de mediación entre empresas, institucións e públicos da cultura ao tempo que abre novos camiños de cara ao exterior, con Portugal como cultura convidada e co compromiso de entidades e xestores lusos que xa confirmaron a súa participación.

Xosé Aldea explicou que aínda que desde o nacemento da feira, a cultura producida no país veciño xa estivo representada con presenzas puntuais no recinto e na programación, en 2017 comparece en Pontevedra como unha marca conxunta para institucións, empresas e creadores portugueses. A cultura portuguesa visibilizarase a través de expositores, concertos e presentacións, co apoio da Secretaría de Estado da Cultura e colaboracións como a establecida coa Bienal de Arte de Vilanova da Cerveira, unha referencia artística en Portugal.

O novo espazo adicado á arte contemporánea, do que serán comisarios Paula Cabaleiro e Antón Sobral, ocupará 1.000 metros, de maneira que Culturgal segue a medrar tamén a nivel físico, aumentando os 4.000 metros que ocupaba ata agora no Pazo da Cultura e coa presenza xa confirmada do Museo de Pontevedra, CGAC ou a Bienal de Vilanova de Cerveira.

O espazo aumentará e tamén o número de stands dispoñibles, que ascenderán a 128 nesta nova edición. Como proba da boa saúde da cita cultural, explican que en 10 días co prazo aberto para solicitar espazos, máis do 50% xa están reservados.

Este xoves tamén se presentou a nova imaxe gráfica, deseñada por Pepe Barro. O logo será un gif en movemento dentro da aposta da feira pola cultura dixital e coa intención, ademais, de camiñar cara a unha feira máis sostible que se difunda a través das novas tecnoloxías e reduza a cartelería.

Arquivado en