O Recinto Feiral do Pazo da Cultura de Pontevedra acolle desde este venres, 29 de novembro, a XVI edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que se prolongará ata o domingo 1 de decembro.
Este evento xa consolidado como un punto de encontro imprescindible para profesionais, artistas e o público xeral, ofrecerá durante estes días unha programación que combina tradición e innovación, e que este ano inclúe máis de 200 actividades, 500 artistas e un centenar de expositores.
A inauguración oficial contou coa participación de Víctor López, presidente de Culturgal; Manuel González, presidente de PuntoGal; Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra; José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude; e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, quen destacou que a cidade se converte nesta ocasión no "epicentro do universo da cultura galega".
Víctor López, presidente de Culturgal, subliñou a importancia de seguir avanzando na profesionalización do evento e no incremento dos seus orzamentos, para garantir unha feira que combine o papel da cultura como expresión espiritual e como motor económico.
"Culturgal é o faro que ilumina a todos os territorios de Galicia", afirmou Víctor López, destacando o seu papel como espazo de encontro para creadores, compañías, empresas e institucións.
Un dos grandes protagonistas desta edición é PuntoGal, que celebra o seu décimo aniversario. O seu presidente, Manuel González, reivindicou o dominio galego como un símbolo de modernidade e identidade, con máis de 7.300 rexistros e unha taxa de renovación superior ao 90%.
"Somos un motor e un exemplo da Galicia creativa, emprendedora e non vitimista", afirmou, animando a seguir innovando desde as raíces culturais galegas. Ademais, PuntoGal terá unha ampla presenza na feira a través de actividades como concertos, obradoiros e mesas redondas.
A programación de Culturgal 2024 destaca pola súa diversidade e enfoque participativo, ofrecendo actividades para todas as idades e intereses.
Entre as propostas máis destacadas da xornada inaugural figuraba a función matinal de 'A Nena e o Grilo o Camiño das Cores', que contou coa asistencia de preto de 450 escolares de diversos centros educativos.
A o longo da xornada tamén se desenvolve o ciclo de performances ‘Neodoctrinas’, organizado pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra; a presentación do primeiro arquivo dixital da historia do circo galego, a cargo da Asociación de Profesionais do Circo en Galicia (APCG); ou obradoiros de maxia e danza, nos que pequenos e maiores puideron participar activamente.
Tamén haberá sesións de ilustración en directo a cargo de artistas como Fernando Iglesias (Kohell) e Miguelanxo Prado; ademais de presentacións literarias, como a de 'Filla das Ondas', de Fina Casalderrey e Xosé Cobas.
A xornada vai pecharse cunha actuación musical especial para celebrar o 30 aniversario do movemento Bravú, coa proxección do documental Bravú XXX e un concerto a cargo da Banda Xangai e as pontevedresas Rager.
Durante a súa intervención, o conselleiro de Cultura, José López Campos, destacou o papel estratéxico da industria cultural galega tanto a nivel socioeconómico como na proxección internacional de Galicia.
López Campos tamén anunciou a intención de declarar o baile e a música tradicional galega como Ben de Interese Cultural en 2025, coincidindo coa homenaxe do Día das Letras Galegas ás pandereteiras. Ademais, destacou a recente aprobación da Lei de Cultura Inclusiva e Accesible, que garante os dereitos culturais para toda a cidadanía.
AMPLA PROGRAMACIÓN
Culturgal 2024 continuará ata o domingo, ofrecendo unha ampla variedade de actividades con entrada ao recinto por menos de 3 euros para permanecer todo o día.
O sábado, destacan os concertos de Caamaño&Ameixeiras e Pava, o combate de debuxantes All Stars e a gravación do podcast O Faiado.
O domingo, entre outras propostas, haberá unha mesa redonda sobre os desafíos dos contidos en galego na era dixital; unha nova función de "A Nena e o Grilo" e un evento para invitar a bailar a todo o público como nunha foliada.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, animou a toda a cidadanía a achegarse ao Pazo da Cultura para descubrir as novidades das industrias culturais galegas e gozar dun evento que, en palabras do propio rexedor, "fai país e promove a nosa cultura".
Toda a programación de Culturgal está dispoñible nesta ligazón.