Afundación en casa conmemora, este mércores 29 de abril, o Día Internacional da Danza con dous eventos culturais como homenaxe a esta manifestación artística.
A primeira destas citas virá da man do historiador da arte e o cinema, Asier Mensuro, quen impartirá online unha conferencia sobre a curtametraxe de animación ‘Pas de deux’ do realizador Norman McLaren. Trátase dunha obra de grande interese estético e fílmico, na que McLaren combina a técnica da slow-motion con imaxes multi-dinámicas, a partir dunha exposición cadro por cadro da mesma película para xerar o efecto do desdobramento da imaxe no tempo e o espazo.
Dado que os circuítos de proxección de cinema non conseguen programar todas as pezas producidas, especialmente cando se trata de obras no formato da curtametraxe de animación, Asier Mensuro decidiuse a recuperar esta peza de 1968 para enxalzar o valor tanto da danza como das grandes, e esquecidas, obras de cinema. Ao longo da charla facilitarase unha ligazón para a visualización da obra. A comferencia será ás 19:00 horas.
A segunda das ofertas culturais de Afundación en casa para conmemorar o Día da Danza será a emisión en aberto a través da plataforma Educación en casa da obra ‘Gaia’ , da compañía de danza contemporánea Entremáns.
Entremáns é unha compañía de danza contemporánea creada en 2006 por bailaríns cubanos residentes en Galicia. Mantén unha filosofía de traballo grupal onde a creación e dirección artística xeralmente se realizan en colectivo, o que fai que non poida definirse como unha compañía ao uso. Combinan as súas producións con labores formativos, colaboracións teatrais e asistencias coreográficas.
Ámbalas dúas iniciativas forman parte do programa online Afundación en casa, impulsado pola Obra Social de ABANCA, onde se recollen máis de 300 recursos accesibles nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta # AfundaciónEnCasa.