O Concello e os equipos de organización lingüística dos centros de ensino de Pontevedra organizan unha nova edición de Ben VeñasMaio. Todos os alumnos matriculados nos IES públicos de Pontevedra poden participar no concurso e teñen ata o 20 de abril para enviar as súas propostas. Os gañadores de cada categoría anunciaranse o sábado 12 de maio no certame musical que terá lugar no Pazo da Cultura.
Hai 25 anos iniciábase o programa Ben VeñasMaio coa narración curta e banda deseñada. Posteriormente fóronse incorporando o resto de disciplinas, como a poesía, a fotografía, o teatro ou a música e, desde a pasada edición, as curtametraxes. Todas elas utilizando o galego como lingua. Os premios oscilan entre os 75 e os 600 euros, segundo a categoría, ademais de lotes de libros.
Os días 9, 10 e 11 de maio, terá lugar a XXII Semana Teatral Ben VeñasMaio no Teatro Principal. Os grupos teatrais dos diferentes institutos mostrarán ao público o seu traballo durante o curso e proporcionaráselles un vale por valor de 70 euros para decorados e materiais necesarios. Os participantes do certame de narración curta e o de poesía, terán que enviar os seus textos ao correo bvenasmaio@gmail.com.
A organización considera o certame musical como o prato forte do programa, xa que é un dos que contan cun maior volume de participación, ademais da narración curta e a poesía.
O obxectivo desta iniciativa é promover o uso do galego a través das artes. Observaron que a educación primaria non prestou a suficiente atención á súa utilización. Para iso, un equipo de dinamización da lingua, liderado por segundo ano consecutivo por Jorge Potel, profesor na Xunqueira II, proporciona aos máis novos as ferramentas necesarias para utilizar diariamente o galego. Quérenlles demostrar que "se pode vivir en galego".