Aumenta a esixencia de calidade en Novos Valores cunha selección de 17 obras para a exposición do certame

Pontevedra
16 de xuño 2022

O xurado desta edición escolleu 17 obras entre as 36 presentadas. Desde o Museo lembran que as bolsas artísticas que se conceden en Novos Valores son as de maior dotación económica en Galicia

Xurado dos Novos Valores 2022
Xurado dos Novos Valores 2022 / Museo de Pontevedra - Deputación de Pontevedra

O xurado do certame 'Novos Valores' mantiña un encontro este xoves para analizar as pezas que se presentaron á edición deste 2022. Na primeira gran selección decidiron rexeitar 19 proxectos e quedar só con 17 dos 36 presentados.

Estas obras expoñeranse na mostra do concurso. Entre estes 17 traballos van seleccionarse catro premios principais. Desde a dirección do Museo exponse a decisión de esixir unha maior calidade ás propostas e, por este motivo, realizouse unha "gran criba". A organización que lidera o director do Museo, José Manuel Rey, lembra que as bolsas que se conceden neste certame son as de maior dotación económica en Galicia con 7.500 euros destinados a cada unha para que se amplíen estudos de carácter artístico.

O número de obras aspirantes é similar a outros anos, desde a modificación das bases de participación, pero desde o Museo recoñecen que o nivel descendeu respecto a outros anos polo que se decidiu seleccionar só aqueles traballos de novos creadores de arte contemporánea máis destacados.

Entre as 17 obras atópanse unha de fotografía; seis de pintura; dous de cerámica; unha audiovisual; unha de bordado sobre tea; unha serigrafía; dous gravados e tres instalacións. Con elas montarase a  epxosición que se poderá visitar no Edificio Sarmiento do Museo entre o 7 de xullo e o 11 de setembro. O 5 de xullo, o xurado decidirá analizando as pezas xa instaladas aquelas que merecen os máximos galardóns coa posibilidade de que poida quedar algunha bolsa deserta.

O xurado atópase composto por María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural; Carmen Hermo Sánchez, artista e profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Pedro de Llano Neira, profesor axudante da Facultade de Xeografía e Historia da USC; e Susana González Martínez, directora da Colección de Arte da Fundación María José Jove,

Os premios Novos Valores concédense desde a Deputación de Pontevedra a artistas noveis e a súa convocatoria remóntase á segunda metade do século  XIX.