O redondelano Ángel Filgueira clausurou a oitava edición de Novos Cinemas coa estrea en Galicia de 'Cando toco un animal', unha proxección cunha forte carga emocional para o festival pontevedrés, xa que é unha película que viu a luz no LAB da edición 03 de Novos Cinemas.
As actrices protagonistas Lida Veiga e Ánxela Ríos, e as produtoras Silvia Fuentes e Ánxos Fazáns, de Sétima, acompañaron a Filgueira nunha noite especial para o equipo da película, o festival e o público.
A organización de Novos Cinemas destaca o valor de poder programar producións que empezaron na súa LAB, reafirmando a importancia do acompañamento ao longo dos procesos formativos, un dos piares sobre os que se constrúe este festival desde a súa primeira edición.
Neste sentido, para un festival enfoca a súa aposta cinematográfica na formación, tanto a través da súa LAB como mediante colaboracións con institucións como a Universidade de Vigo ou a ECAM, a estrea de proxectos que teñen as súas raíces neste ámbito confire un significado máis profundo ao traballo desenvolvido ao longo de todos estes anos.
A película ruandesa 'The Bride', dirixida por Myriam U. Birara, é a gran triunfadora da oitava edición do festival pontevedrés Novos Cinemas ao conseguir o Premio Novos Cinemas á mellor película da Sección Oficial e o Premio do Xurado Novo á mellor dirección na mesma sección. Outra película longa moi valorada foi 'An evening song (for three voices)' de Graham Swon, con dous importantes recoñecementos, o Premio do Xurado da crítica e o do público. O Premio Latexos foi para ‘Zimmerwald’ de Valeria Stucki.