A Consellería de Cultura entregou o XI Barriga Verde de textos para marionetas, que foi para O lobo e a lúa, unha obra escrita pola pontevedresa Andrea Bayere que obtivo o primeiro premio na categoría de teatro para nenos. Pola súa banda, o autor de Moaña, Santiago Cortegoso, logrou o premio XXII edición do Álvaro Cunqueiro para textos teatrais coa súa obra Raclette, mentres que Antón Corizas conseguía o VIII Manuel María de literatura dramática infantil por Xogando con gatos. O xornalista Xavier Lama lévase o premio Barriga Verde na súa modalidade para adultos por Ela, piedade dous suicidas. Cada un dos autores recibirá 6.000 euros de premio.
A actriz, guionista e directora teatral logrou este galardón cunha historia que adapta as claves da intriga e do suspense á imaxinación dos máis pequenos. Segundo a propia autora, trátase dunha peza teatral, tenra, divertida e integrante na que os seus personaxes, unha tartaruga, un elefante e un gato malhumorado, conviven a pesar das súas diferenzas. Trátase dunha historia da amizade, superación dos propios medos e amor no que ninguén é tan bo como aparenta, nin tan malo como parece.
O xurado destacou a "innegable vontade escénica" na que se recolle a experiencia da autora á fronte da súa compañía Baobab Teatro e da súa traxectoria anterior. Destacan, neste sentido, as imaxes suxestivas e precisas, ademais dos xogos dinámicos, con personaxes definidos e unha temática axeitada á franxa de idade á que vai dirixida a O lobo e a lúa.
O dramaturgo e director teatral Roberto Salguerio, foi o encargado de presidir o xurado desta edición nun acto no que estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director de Agadic, Jacobo Sutil.
O texto de Santiago Cortegoso, colaborador de PontevedraViva, gañador do Premio Álvaro Cunqueiro, ofrece en Racletteun mosaico de cinco personaxes ao redor dunha cea na que se mostran os enfrontamento dunha sociedade enferma que devora aos seus integrantes. Cortegoso é autor, director de escena e dramaturgo e suma este premio a un amplo número de recoñecementos como autor, que foron levados a escena tanto pola súa compañía, Ibuprofeno Teatro, como por outras formacións galegas.