Abre a exposición coas obras dos 'Novos Valores 2022' no Edificio Sarmiento

Pontevedra
07 de xullo 2022

A exposición coas 17 pezas seleccionadas en 'Novos Valores 2022' poderá visitarse ata o 11 de setembro no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra

Inauguración da exposición 'Novos Valores 2022'
Inauguración da exposición 'Novos Valores 2022' / Mónica Patxot

O Museo de Pontevedra inauguraba este xoves a exposición das 17 obras seleccionadas na edición de 2022 do certame de 'Novos Valores'.

O edificio Sarmiento do Museo acolle esta mostra, na que destacan as catro obras dos artistas gañadores da bolsa de 7.500 euros para destinala a actividades de formación: Teresa Búa Sambad con ‘Persoa Ola (Maternidade 2)' Eva Pena Fandiño con ‘Herdanza de mulleres’; Borja Santomé Rodríguez con ‘Sabor amargo’; e Julia Gil Ordóñez con ‘A Ponte do Alén’.

O director do Museo Xosé Manuel Rey lembraba na presentación o amplo percorrido da Deputación e o Museo de Pontevedra no apoio á formación dos artistas para que consoliden a súa carreira, unha tradición que arrinca a mediados do século XIX e que, neste formato de reforzo os novos valores, a partir dos anos 80 do século XX.

Así mesmo, destacaba que a edición deste ano está caracterizada por unhas obras con "voz de muller e unha equilibrada mostra de técnicas, visións persoais, inquietudes e reflexións sobre o mundo actual". Rey tamén avanzou que o vencello cos artistas continuará unha vez remate o período de desfrute da bolsa, a través dunha nova mostra dos traballos froito da investigación, aprendizaxe e creación custeados coa mesma.

Na inauguración participaron o director do Museo, a responsable de xestión Sonia Mateos e o integrante do xurado, xornalista cultural e membro do Consello Asesor do Museo Ramón Rozas. Eva Fandiño e Julia Gil Ordóñez foron as artistas gañadoras presentes. No caso de Borja Santomé Rodríguez e Teresa Búa Sambad, foron representados por familiares, xa que motivos profesionais impedíanlles acudir a esta cita.

Ramón Rozas remarcaba a gran calidade das obras presentadas a este certame e o reto que foi para o xurado elixir as 17 pezas seleccionadas e finalmente as catro vencedoras que cualificou como "obras que por si mesmas xa falan de xente que ten moito que dicir".

A bolseira Eva Pena Fandiño, gañadora coa peza ‘Herdanza de mulleres’ subliñou a súa emoción por recibir o premio, que para ela é unha "referencia" sendo da cidade de Pontevedra. Destacou que a súa obra, feita en cerámica Rakú, representa a contradición que o fogar ten para as mulleres por ser refuxio e tamén prisión na historia do feminismo.

Julia Gil Ordóñez, natural de Rianxo, salientou tamén o "pracer" que supón ser bolseira gañadora do certame pola visibilidade que achega ás creadoras emerxentes e agradeceu ao Museo en xeral manter a convocatoria por ser un grande apoio para a xente moza. Destacou que o seu óleo ‘A ponte do Alén’ supón un dobre xogo, referíndose ao lugar que representa na imaxe, un viaduto sobre o río en Covelo, xunto ao xogo de palabras falando da ponte como nexo entre o mundo real e a lenda e a fantasía do folclore galego, a maxia e a atmosfera que se vive en calquera fraga ou monte galego.

A representante do artista de Nigrán Borja Santomé Rodríguez, gañador da bolsa por ‘Sabor amargo’, agradeceu no nome do autor a bolsa e destacou que se trata dun audiovisual como os moitos que Santomé leva feitos dende que rematou a carreira e que reflicte desexo de fuxir do urbano, da cidade, cara a natureza e o espiritual.

Finalmente, a nai da artista coruñesa Teresa Búa Sambad leu unhas palabras enviadas pola autora para falar da peza ‘Persoa Ola (Maternidade 2)’, unha instalación que mestura encaixes artesáns, deseño téxtil, impresión 3D e os sons dos choros das súas fillas xemelgas de seis meses. Coa obra, Búa asegurou que pretendía facer confluír dous proxectos anteriores nos que se abordaba a deconstrución do xénero facendo florecer apariencias "fluídas" e tamén o autocoñecemento como "persoa que ten útero" e capaz de xestar e xerar vida.

A exposición coas 17 pezas seleccionadas polo xurado de 'Novos Valores 2022' manterase aberta ata o 11 de setembro no Edificio Sarmiento. Pode visitarse con entrada desde o Edificio Castelao do Museo no horario de 10:00 a 21:00 de martes a sábado e de 11:00 a 14:00 os domingos e festivos. O luns o Museo permanece pechado.