A fada das camelias, é a historia protagonizada por unha nena e a súa avoa. Ambas as dúas pasean por un xardín cheo de camelias no cal a avoa lle vai explicando á pequerrecha historias fermosas asociadas a cada tipo de camelia. Así, a neta descobre que hai camelias relacionadas coa música, coa literatura, co amor... e, sobre todo, vai establecendo e apuntalando unha especial relación de confianza e agarimo coa súa avoa.
Un xeito diferente, a partir dun álbum ilustrado producido pola Editorial Galaxia, de explicarlle aos nenos que son as camelias e o fermoso universo que con elas ten que ver.
Francisco Castro, representante da editorial Galaxia, destacou que o obxectivo desta publicación "é divulgar o mundo da camelia" e a súa dimensión enorme na provincia pero sempre coa vista posta en sacar á rúa un produto de alta calidade literaria e cunha presentación atractiva para o público obxectivo.
Iso logrouse cos textos de Enrique Mauricio e as ilustracións de Carlos Taboada, dous activistas culturais que forman o colectivo Polo Correo do Vento, especializado en contacontos para os máis pequenos.