A Banda de Música de Pontevedra volve con forza esta primavera, tras o gran éxito que supuxeron os concertos do Ciclo de Butaca celebrado durante os meses de outono no Pazo da Cultura. Seis actuacións con temáticas moi diversas conforman o programa para os meses de marzo, abril e maio, desde colaboracións co país veciño ata unha viaxe a través da historia da música mundial.
Todas elas terán lugar os domingos no Teatro Principal de Pontevedra ás 12:00 horas.
Así presentaban este 13 de marzo o programa para este Ciclo de Primavera 2018 Rafa Agulló, director da banda e Diego Roseira, presidente da Sociedade Musical de Pontevedra xunto á concelleira Carmen Fouces.
A banda ampárase na gran acollida que tiveron os concertos de outono e espera unha resposta positiva dos cidadáns con esta nova onda de actuacións. O Ciclo de Primavera vén cargado de novidades e funcionará como ferramenta de promoción da música de banda da cidade, segundo comentaba Fouces.
Rafa Agulló encomiou a versatilidade deste ciclo, que contará cos seguintes concertos:
- 18 de marzo. 'Abrazando aoMinho'. Unha colaboración luso-galega que contará coa actuación das cantantes TaniaEsteves (Portugal) e Begoña Lorenzo (Galicia).
- 25 de marzo. ' Cidades'. A actuación está centrada ao redor da obra 'Cidades' do compositor Guillermo Lago, e conta coa actuación especial do cuarteto de saxofones ' DextrumEnsemble'.
- 8 de abril. ' Novos Talentos'. Concerto en colaboración co Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, que terá como protagonistas aos gañadores do concurso 'Novos Solistas'.
- 22 de abril. ' Faceras Américas'. Concerto que conta coa dirección do valenciano José Rafael Pascual Vilaplana.
- 6 de maio. 'O sen sentido das guerras'. Actuación de ton antibelicista, un concerto protesta ante os conflitos armados modernos.
- 27 de maio. 'Pangea'. Xunto ao artista invitado Abraham Cupeiro, que se dedica a recuperar e restaurar instrumentos antigos de todas partes do mundo, a banda pechará o ciclo realizando un repaso das músicas de diferentes culturas e épocas cos instrumentos de Cupeiro como protagonistas.
A entrada a estes concertos é totalmente gratuíta e neles a banda demostrará "o compromiso que ten coa música e coa cidade".