A Outubrofest ten boa 'pinta'
En 2009 fíxose a primeira edición da Oktoberfest Pontevedresa, rebautizada como Outubrofest, a celebración serviría para converter o centro da cidade nunha pequena Munich durante uns días e, ademais, financiar ao Pontevedra Rugby Club no seu comezo. A aceptación foi espectacular, e na primeira edición servíronse máis de 5.000 litros de cervexa, así como 6.000 salchichas e 800 quilos de codillo.
A aceptación por parte da poboación e o comercio local foi tal que en 2010 celebrouse de novo, con resultados aínda mellores, chegando a converterse nun evento sinalado no calendario festivo dos pontevedreses.
Este 31 de outubro, a Praza do Teucro de Pontevedra volveu vestirse de branco e azul, as cores da bandeira de Baviera, para achegar de novo a máis grande das festas alemás aos pontevedreses.